Os autores premian obras de Anxos Sumai e Berta Dávila

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Os galardóns da AELG distinguiron a tradución galega do «Ulises» e ao crítico de La Voz Ramón Nicolás

04 may 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou onte a súa Gala das Letras no Teatro Principal de Pontevedra, na que se fallaron os galardóns que anualmente concede o colectivo de autores. Na modalidade de narrativa, resultou gañadora A lúa da colleita, de Anxos Sumai, que hai escasos días recibiu tamén o Premio da Crítica en lingua galega. O mesmo sucedeu co libro de poesía vencedor, Raíz da fenda, de Berta Dávila, que xa obtivera, entre outros, o galardón do Premio da Crítica.

En canto ao teatro, o premio foi recaer nos tres volumes das obras completas de Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle dedicou o Día das Letras no 2013. O mellor ensaio correspondeu á obra A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo. No eido da literatura infantil e xuvenil resultou vencedor Xabier P. DoCampo, co seu libro A illa de todas as illas.

Pola súa banda, a tradución do Ulises de James Joyce, da que se encargou un equipo formado por Xavier Queipo, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Antón Vialle, sumou un novo premio aos diversos que veu gañando nos últimos meses.

O crítico literario de La Voz de Galicia Ramón Nicolás veu como o seu blog, Caderno da crítica, volveu vencer no apartado dedicado a bitácoras literarias, mentres que o premio á mellor traxectoria de xornalismo cultural no 2013 correspondeu a Carme Vidal.

Na súa intervención, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, aludiu á «dramática» situación do sector editorial en Galicia e se referiu ao descenso de títulos e o peche de bibliotecas públicas.

Atxaga, galego universal

Ademais, tamén se recoñeceu a Bernardo Atxaga coa distinción Escritor Galego Universal por combinar «a excelencia literaria e o compromiso ético», o que o converte en referente «na defensa da dignidade humana». Na súa intervención, o escritor vasco citou a importancia que tiveron para el autores galegos como Castelao, Méndez Ferrín ou Celso Emilio Ferreiro.

No apartado Bos e xenerosos se premiou o esforzo de diversos colectivos por manter activo o teatro galego: as compañías Sarabela e Achádego, a Asociación de Actores de Galicia e a cultural O Facho, ademais da editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet. De igual xeito, se recoñeceu o impulso á escena dende institucións como as Deputacións da Coruña e Lugo, así como os concellos de Tui e Narón.

No seu segundo ano, o apartado Mestres da Memoria se concedeu a Elba Requejo e Xavier Blanco pola súa dedicación á transmisión oral dos saberes da cultura popular tradicional.

No transcurso da velada actuaron Najla Shami e Xavier Blanco.