Ana Veiga: «Estamos empezando a gañar sentenzas polas preferentes»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / AGENCIA

LUGO CIUDAD

Un chantadino logra pola vía xudicial que lle devolvan 70.000 euros

01 mar 2013 . Actualizado a las 15:13 h.

A vía xudicial era ata agora un camiño secundario para os afectados pola venda de participacións preferentes e subordinadas. A paralización dos procedementos de arbitraxe e as primeiras sentenzas xudiciais favorables poden estar mudando esta realidade. A avogada lucense Ana María Veiga Aguiar acaba de gañar o caso dun veciño de Chantada que tiña 70.000 euros bloqueados en participacións preferentes desde o 2009.

-¿Esta é a primeira sentenza dictada en Lugo sobre as preferentes?

-Creo que nos xulgados da cidade de Lugo, si. Nin a min nin a plataforma de afectados nos consta que haxa outra. Estamos empezando a gañar sentenzas.

-¿E que di o tribunal?

-Declara nulo o contrato e condena á entidade a devolver os 70.000 euros e a pagar os intereses legais acumulados desde o 2009. E o cliente ten que devolver os xuros que cobrou.

-¿Quen é o demandante?

-Un veciño de Chantada de 55 anos. O importante desta sentenza é que esta persoa non ten o perfil dun analfabeto. O que sucede é que carece de coñecementos finaceiros, non podía contratar un produto de risco, nunca o fixera. A sentenza demostra que para reclamar non é preciso ter ese perfil, que dá a sensación de que só poden recuperar os seus cartos os menores de idade.

-¿E por que lles deu a razón o tribunal?

-Alegamos que existiu un erro de vicio de consentimento. A este home ofrecéranlle este produto financeiro como se fose un depósito a prazo. Eses cartos eran os seus aforros, previamente tíñaos a prazo fixo. A directora da oficina ofreceulle un depósito con algo máis de rendibilidade, pero con total disposición do capital.

-Supoño que o difícil será demostrar todo isto.

-Hai indicios. Neste caso non apareceu a orde de valores, que é o contrato de adquisición, na entidade financeira non lle fixeron o test de idoneidade, obrigatorio desde o 2007...

-¿Testificou o persoal da entidade financeira?

-A directora. Admitiu que non lle fixeran o test, pero dixo que a ela lle parecía que o meu cliente daba o perfil dun investidor.

-¿E non responde?

-Non. Nin os outros afectados cos que teño demandas presentadas. Vendéronlles as preferentes como depósitos a prazo. É xente que non xogaba cos seus cartos. Un investidor non ten 50.000 euros depositados sete anos. Sería un contrasentido.

-¿Cantos casos máis leva?

-En Lugo bastantes. Estou agardando tres sentenzas máis que espero que saian en cuestión de semanas.

-¿A arbitraxe parécelle unha boa opción?

-Penso que se está enfocando cara un perfil moi concreto de afectado, a xente moi maior, os que sofriron engano abertamente ou foron confundidos para contratar.

-¿Arbitraxe e demanda civil son incompatibles?

-Pódese presentar unha demanda incluso despois de ter solicitada a arbitraxe, sempre que un estea aínda agardando a que o chamen.

-¿Como se especializou nisto?

-Moitos coñecidos e familiares meus están afectados.

-¿Leva algún caso especialmente chamativo?

-Todos os meus clientes están con profundas depresións. Son xente aforradora, emigrantes, traballadores... Un deles está no paro e ten todos os seus aforros en preferentes. É unha cantidade moi grande e non pode dispor dela. E foi claramente enganado.

Ana María Veiga Aguiar avogada