«Asústame a responsabilidade, eu son unha obreira da cultura»

Raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

LUGO CIUDAD

MARCOS CREO

Asegura que non se sente con forzas para seguir á fronte da entidade

20 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Ana María Blanco (Noia, 1931) non entende a vida sen un sorriso. Ten a vitalidade dunha moza de vinte anos, pero con oitenta e máis de tres décadas deixando a alma na Fundación Rosalía de Castro, asegura sentirse sen forzas para seguir asumindo a súa presidencia, á que chegou despois da polémica dimisión de Helena Villar. «Escapei deste cargo en varias ocasións e esta vai ser outra máis», afirma convencida.

-¿Como coñeceu a fundación?

-Polo traballo do meu marido trasladeime de Lugo a Santiago e coñecín ao que entón era o seu presidente, o doutor Agustín Sixto. Era un home marabilloso, que sempre confiou en min. Da súa man estiven trinta anos.

-¿Como viviu a polémica dimisión de Helena Villar?

-Con moito pesar por toda a treboada que se montou, foi tremendo. Nesta fundación todo é devoción. Non quero recordar aquilo.

-¿Gustaríalle seguir como presidenta?

-Non, escapei deste cargo en varias ocasións e esta vai ser unha máis [ri]. Asústame a responsabilidade, eu son unha obreira da cultura. Considero que coa idade que teño xa non podo facer moito; hai que deixar paso á xente máis nova.

-¿Isto é posible?

-Agora mesmo non. Os cargos directivos da fundación deben ser patróns da entidade, segundo os estatutos. Penso que a partires de agora sería apropiado que as vacantes se supliran con xente nova.

-¿Cando comezou a súa paixón por Rosalía de Castro?

-De nena, recordo que non me despegaba dun dos seus libros. Por iso cando entrei na fundación sentín unha satisfacción enorme, aínda que tamén houbo momentos malos, como os que estamos a vivir agora.

-Nestes trinta anos estivo en contacto con ilustres escritores, ¿quen lle impresionou máis?

-Non se me borra da mente a intervención de Xosé Luís Axeitos, secretario da Real Academia Galega, no ciclo Diálogos con Rosalía, quedei abraiada. Tamén coas palabras de Francisco Fernández del Riego, que en paz descanse. Era tan próximo e inspiroume tanta tenrura... Foi impresionante.

Ana María Blanco presidenta en funcións da fundación rosalía de castro

«Sería apropiado que as vacantes dos patróns se supliran con xente máis nova»