Textos lugueses dun mindoniense

Cunqueiro dedicou escritos á Muralla, a Fole e ao San Froilán


lugo / la voz

No ano no que se celebra o centenario do nacemento do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro, a editorial Alvarellos saca á luz Viaje a Lugo. Páginas sobre la ciudad, un volume que reúne escritos en prosa que o autor lle dedicou á cidade das murallas.

A obra foi presentada onte na galería Sargadelos da capital nun acto que contou coa presenza, entre outros, do fillo do escritor, César Cunqueiro; do pintor lugués Xesús Blas Lourés, cuxo óleo A miña muralla ilustra a cuberta do libro; e da profesora e especialista no escritor mindoniense María Jesús Nogueira, autora do estudo introdutorio e da selección de textos que aparecen neste libro.

Discurso do Bimilenario

Entre esas dúas ducias de escritos destaca o discurso de apertura do Bimilenario da cidade, pronunciado por Cunqueiro o 25 de outubro de 1975 e no que o autor define a Lugo como «la Roma del Finisterre».

Non é esta unha recompilación exhaustiva dos textos lugueses de Cunqueiro, senón unha selección dos máis representativos. Algúns apareceran na prensa, en guías de viaxes dos anos 60 e 70, ou ben recompilados en volumes varios. O citado discurso do Bimilenario, por exemplo, vira a luz unha única vez. Fora no ano 1981 nun libro de Adolfo de Abel Vilela.

Neses escritos Álvaro Cunqueiro fala da historia da cidade. Describe tamén espazos como a catedral, a Muralla ou o río; evoca figuras literarias como Fole, Esquío ou Pimentel, e deixase seducir polo San Froilán, tanto pola lenda do santo como polo ambiente festivo do Domingo das Mozas.

Ademais de polo seu gran valor estilístico, en opinión da estudosa María Jesús Nogueira, estes textos son importantes porque «axudan a comprender a prosa de Cunqueiro e a influencia que Lugo tivo na formación literaria do escritor mindoniense, ao tempo que achegan a súa visión da cidade e do país». Por outra banda, nestes escritos están moi presentes os trazos que definen ao autor mindoniense: «a súa imaxinación desbordante, o lirismo, o humor, a capacidade para desenvolver personaxes e o poder para borrar as fronteiras entre os xéneros de ficción».

Votación
1 votos
Etiquetas
Lugo ciudad Fisterra Sargadelos Adolfo de Abel Vilela Comarca de Fisterra Comarca de Lugo San Froilán