«No hospital de Lugo apenas hai apoio á lactancia, como moito danche unha pezoneira e dinche se tes leite ou non»


28/04/2010 02:00 h

Bico de Leite lamenta que no Hospital Xeral de Lugo non existan protocolos de apoio á lactancia materna. «Como moito danche unha pezoneira, dinche se tes leite ou non; e non te apoian máis, desenténdense», afirman. Neste sentido engaden que «as plantas de maternidade son de tolos, xa que en determinados momentos do día hai tanta xente nas habitacións que ás veces é imposible concentrarse e dar teta».

Tamén critican que en ocasións os bebés son separados das nais de maneira rutinaria, sen que haxa motivos sanitarios que así o aconsellen, e iso dificulta que a lactancia natural chegue a bo porto. Unha situación que se complica no caso dos bebés que nacen antes de tempo: «A taxa de lactancia materna en prematuros debe ser do 1%». E reivindican «un protocolo de neonatoloxía de acordo co benestar do neno». «Hai horas de visita, pero o ideal é que a nai poida estar co seu bebé todo o tempo porque el necesítaa», sinala Raquel, nai de dúas nenas.

Desde o 2007

Bico de Leite é unha das doce asociacións en favor da lactancia materna federadas que existen en Galicia. Constituíuse no ano 2007 co pulo de Albina, unha matrona lucense veterana das clases de preparación ao parto. Entre outros, dan ideas ás nais que traballan fóra da casa para que poidan seguir coa lactancia unha vez que se reincorporan ao seu emprego.

Votación
2 votos