Ialma: «En Bélxica botamos de menos pisar terra»

Suso Varela Pérez
SUSO VARELA LUGO / LA VOZ

GUITIRIZ

As galego-belgas do grupo Ialma presentan en xira o seu quinto disco, «Camiño», todo un canto á emigración e unha homenaxe aos seus pais

25 feb 2017 . Actualizado a las 22:07 h.

As cantantes e pandereteiras do grupo Ialma saben moi ben que significa ser inmigrantes nos tempos que corren. Os pais das catro mozas «galego-belgas» abandonaron España por motivos económicos e políticos e conseguiron con esforzo asentarse en Bruxelas, onde naceron as irmás Verónica e Natalia Codesal (de Parga, Guitiriz), Marisol Palomo (de Betanzos) e Magali Menéndez (dunha aldea entre León e Asturias). Agora, tras unha traxectoria de case vinte anos chegan a Galicia para iniciar a xira do seu quinto disco, Camiño: De Bruxelas a Santiago, logo de presentalo en concertos por Bélxica, Austria e Francia, e antes de acudir a Barcelona, Madrid, Zaragoza e León.

«É o disco máis persoal, porque fala das nosas historias e as dos nosos pais, de como tiveron que marcharse, do que sufriron e tamén do que gañaron. É todo un agradecemento a eles, que foron un exemplo para nós», sinala Verónica Codesal. Por iso, as letras deste disco (no que tamén participa Brais Fernándes) están cheas de referencias á necesidade da mestizaxe entre culturas. «Nós somos un exemplo, somos galegas e tamén belgas, collemos o mellor das dúas culturas e lanzamos unha mensaxe en positivo de que aínda que vivimos nunha época difícil, necesitamos a multiculturalidade», relata Codesal.

Se no seu primeiro traballo, no ano 2000, querían ser fieis á tradición da música galega, e agora a súa evolución artística foi virando cara a denuncia social, con temas como Doutras terras, Liberdade ou Na túa lembranza, un recordo á figura do avó das irmás Codesal, «un ‘roxo’ de Córdoba que quería que fixera flamenco, pero que lle encantou a miña vena galega». Imaxes dunha emigración española a Europa que destaca a betanceira Marisol Palomo, cuxa historia persoal sae no tema Canto aos refuxiados: «É a mesma historia dos nosos pais e avós. Miña avoa veu cunha maleta metida no tren con tres fillos. A mesma imaxe que vemos hoxe». Unha historia que se repite, xa que Marisol traballa no Centro Galego en Bruxelas e ve como nos últimos anos foron chegando máis mozos galegos. Estas e outras historias de mestizaxe trasládanas tamén aos concertos didácticos que ofrecen nos colexios belgas.

Tamén é un disco de rapazas belgas orgullosas do seu idioma materno, o galego. Hai un tema baseado nun poema de Rosalía - «é un agasallo que podamos actuar na súa casa»- e tentan seguir a cadea cos seus fillos. «O meu fillo Aldán ten oito anos e sábese todas as cancións en galego», sinala sorrindo Verónica, quen lembra que no disco e nos concertos aínda que teñan reivindicacións e lembranzas «haberá a alegría e o ritmo para bailar que nos caracteriza».

As rapazas de Ialma irán chegando a Galicia nas próximas horas. «Temos morriña do país, nunca vivimos en Galicia, pero é unha nostalxia que nos transmitiron os nosos pais, como se foxe un ADN. Cando estamos en Bruxelas botamos de menos ‘pisar terra’, estar coas nosas familias e amigos músicos, aos que lles estamos moi agradecidos. Imos cargar baterías», sinala emocionada Verónica Codesal.

Integrantes. Verónica e Natalia Codesal, cuxos pais son de Parga. Marisol Palomo, de Betanzos. E Magali Menéndez, dunha aldea de León

En Galicia. Mañá na Casa de Rosalía en Padrón ás 19.00 h. O domingo, no Garufa da Coruña, 20.00 h. O 1 de maio volven á Coruña e o 3 de maio, no Principal de Santiago.

En Lugo. O luns 27, no Clavi, ás 23 horas.