Anxo Lamas doa a Xermolos 64 obras, baseadas en escritores da Terra Chá 

GUITIRIZ

O material vai destinado á casa natal de Díaz Castro, aínda que polo de agora expoñerase na Casa das Palabras

23 ene 2017 . Actualizado a las 14:12 h.

O artista Anxo Lamas, chairego de Castro de Rei, doa a Xermolos, colectivo cultural con sede en Guitiriz, unha colección de 64 obras. Son traballos baseados noutros tantos escritores da comarca chairega, feitos sobre madeira e nos que se inclúe ademais cadanseu texto dos autores.

A doazón vai destinada á casa natal do poeta Xosé María Díaz Castro, onde se expoñerá unha vez restaurado ese inmoble. Por agora instalarase na Casa das Palabras de Guitiriz, aínda que xa se proxecta levar o material a outros lugares de Galicia. Betanzos podería ser o primeiro, como anunciou hoxe o coordenador de Xermolos, Alfonso Blanco.

A casa natal de Díaz Castro, situada no barrio de Vilariño (Os Vilares), pertence a Xermolos, que dende hai anos tenta atopar colaboración económica para amañala e darlle usos vencellados co poeta e coa riqueza natural e cultural da Terra Chá. A doazón terá lugar o vindeiro sábado, en Guitiriz (Casa das Palabras, sete e media do serán).