Gaita europea «made in Guitiriz»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

Sito Carracedo elabora distintas pezas nun obradoiro situado xunto ao balneario que acolle o festival

17 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Se se unen as palabras Guitiriz e música, axiña vén á memoria o festival de Pardiñas, cita para os amantes do folk dende hai case 40 anos. Será máis difícil para moitos que desa unión de palabras saia o nome de Sito Carracedo, pero non sería un resultado ilóxico ou inxusto. Dende hai arredor de vinte anos, Carracedo ten o seu obradoiro ao lado do balneario que acolle o festival, e das súas instalacións, que dende fóra semellan unha pequena construción máis, saen pezas para todo o mundo.

A elección de Pardiñas non foi unha casualidade. Xa traballara algo coa Asociación Cultural Xermolos, organizadora do festival, e mesmo impartira algún curso. En Lugo comezara a traballar na fabricación de gaitas galegas, e chegou a viaxar a Cuba; pero volveu, e o seu traballo desenvólvese no tranquilo ambiente dos arredores de Guitiriz.

Desa tranquilidade, porén, xa teñen saído catro elaboracións que el converteu noutras tantas patentes, todas vencelladas coa música que de entrada se pode considerar folk: un higrotapón, que serve para dar a necesaria humidade á palleta da gaita e evitarlle o dano dos ambientes secos; un higrómetro, que permite comprobar as condicións de humidade e de temperatura da palleta cando se emprega o higrotapón; un peitoque -que vén ser semellante a unha castañola, aínda que se coloca sobre o peito-, e uns pitos, que se colocan nos dedos das mans e que adoitaban empregar as parellas como acompañamento dos bailes.

O que non se lle pode pedir a Carracedo é urxencia no traballo. A tranquilidade que moitos buscan en Pardiñas cando acoden en agosto o festival semella ter entrado nel. A calidade e o gusto polo labor ben feito están por enriba de todo: «Unha gaita galega, no que a construción se refire, pode levar unha semana de traballo», afirma. Pero el comenta que a maneira de facer un instrumento é construílo en diferentes etapas para ser respectuoso coa delicadeza que o labor require: «Así -di-, unha gaita pódeche levar seis meses».

 Irlandesas e alemás

Non é a gaita galega a única que sae do seu obradoiro. De feito, nos últimos tempos tense orientado máis ben á construción de gaitas irlanderas e alemás. Sobre as primeiras di que poden levar meses de traballo, aínda que tamén o prezo final é moi superior ao das de aquí: se unha gaita galega pode custar arredor duns 1.500 euros, unha irlandesa pode valer 6.000 ou 7.000. Canto á alemá, recoñece que o tempo de fabricación é semellante ao dunha galega.

O que varían son as madeiras empregadas. Na fabricación da galega segue a ser o buxo o material máis recomendable, mentres que a irlandesa se fai con ébano, e a alemá, con madeira de árbores froiteiras -cerdeira ou pexegueiro-. O proceso que el segue ten un camiño inverso, pois coñece, por exemplo, irlandeses que fan gaitas galegas.

O importante, en calquera caso, non semella estar só na técnica de fabricación senón en cuestións como o respecto á tradición ou a sensibilidade, quizais menos concretas pero non por iso menos importantes. «Sei como soa, ou como debe soar, calquera instrumento», explica Carracedo. Para comprendermos a importancia desa expresión podemos lembrar a vida útil dunha gaita: di que pode durar «toda a vida» e ir pasando de xeración en xeración.