Declaración da corporación de Guitiriz sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal

La Voz

GUITIRIZ

16 mar 2016 . Actualizado a las 21:06 h.

A corporación de Guitiriz, reunida o luns 14 de marzo de 2016 ás sete do serán, acorda por unanimidade aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), baseándose nos seguintes argumentos:

1. Guitiriz precisa ter ordenado o seu territorio de xeito urxente. É imprescindible debido a que as normas que rexen na actualidade son de pouca calidade e demasiado arcaicas.

2. Despois de case 12 anos de tramitación e ante a entrada inmediata da nova Lei do Solo, o Concello vese na obriga de aprobalo ou perder os máis de 350.000 euros que se teñen investido no mesmo.

3. Sería o terceiro Plan de Ordenación que fracasa despois dun importante desembolso económico, tras os de 1996 e 2003; os habitantes de Guitiriz non o entenderían e sentiríanse desgobernados.

4. Pensando no desenrolo económico de Guitiriz, e sobre todo nas dificultades que está sufrindo o medio rural neste momento par seguir vivo e manter a mínima esperanza de supervivencia, os trece concelleiros que compoñen a Corporación Municipal chegan ao acordo de aprobar ese necesario e importante documento por unanimidade.

5. A Corporación ten moi claro que o documento é un punto de partida imprescindible que pode ser modificado puntualmente en casos necesarios que se axusten á legalidade.

6. Matizar que, a pesar dos distintos puntos de vista de cada grupo político dos 5 que compoñen o Pleno, todos e cada un deles fixeron concesións para poder lograr o acordo que hoxe se rubrica coa seguridade de que o mesmo vai contribuír ao desenrolo económico e social do municipio.