Guitiriz prepara outro amplo grupo de actos para manter viva a figura de Díaz Castro

XOSÉ MARÍA PALACIOS texto GUITIRIZ / LA VOZ

GUITIRIZ

Unha das pedras con placa que lembran a Díaz Castro en Guitiriz.
Unha das pedras con placa que lembran a Díaz Castro en Guitiriz.

O autor de «Nimbos» será lembrado no outono nos 25 anos do seu pasamento

23 ago 2015 . Actualizado a las 19:07 h.

O centenario do nacemento e o Día das Letras Galegas converteron, ao longo do ano pasado, ao poeta Xosé María Díaz Castro nunha figura de actualidade en Guitiriz e no resto de Galicia. Esas dúas celebracións colocárono nun protagonismo que este ano se mantén e se potenciará, xa que hai previstas novas actividades e seguen vivos proxectos xurdidos no 2014.

En outubro cumpriranse 25 anos do pasamento do autor de Nimbos, que daquela levaba algún tempo de volta na terra de orixe, no remate dunha vida que transcorreu en varias vilas galegas e fóra de Galicia. A Asociación Cultural Xermolos, que garda na Casa das Palabras un amplo fondo biográfico e documental do poeta, prepara máis actividades que xa están en certa maneira deseñadas.

Por unha banda, celebraranse unhas xornadas sobre a súa figura e un recital de homenaxe. Ademais, na vila instalarase unha exposición con imaxes do seu enterro, tiradas polo fotógrafo Xosé Marra. O poeta está enterrado no cemiterio de Guitiriz, onde xa se teñen celebrado actos na súa memoria. Outra actividade prevista por Xermolos é unha exposición de murais realizados por alumnos de centros de ensino, que se colocarán na Casa das Palabras.

Entrementres, obxectivos que xurdiron o ano pasado e que arestora están en diferente fase de desenvolvemento manténense vivos. Entre os que aínda agardan un proxecto concreto que depende de achegas económicas está a rehabilitación da casa natal do poeta -recibida por Xermolos segundo disposición testamentaria de Serafín Díaz Castro, irmán do escritor que faleceu hai varios anos- para convertela nun centro que espalle a súa obra en particular e a riqueza cultural e natural da Terra Chá en xeral.

O coordenador de Xermolos, Alfonso Blanco, entende como «unha manda, un compromiso» esa necesidade de recuperar a casa natal de Díaz Castro, subliñando así a idea do autor de Nimbos como alguén ao que nin a ampla cultura ni os lugares onde viviu afastaron das súas orixes.

Por outra banda, téñense colocado pedras en distintos lugares do concello para salientar o vencello do poeta coa súa terra máis inmediara, e o IES Díaz Castro, que tamén lle dedicou actividades ao escritor o ano pasado e máis este, comezou a traballar nun roteiro baseado nesta figura literaria. Coa axuda dos profesores do centro, os alumnos teñen sido e están chamados a ser os protagonistas, actuando de guías para estudantes que se acheguen a Guitiriz.

Tamén se está a preparar, cunha idea promovida pola Deputación no anterior mandato, un roteiro que se inspira en Díaz Castro e na riqueza natural do concello e que percorre varios lugares do norte do termo municipal.

Xornadas, recitais e exposicións celebraranse na vila durante os vindeiros meses