Centos de lumes de San Xoán iluminarán a noite en Lugo

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

GUITIRIZ

Imaxe da fogueira de San Xoán do ano pasado no entorno de Augas Férreas, en Lugo.
Imaxe da fogueira de San Xoán do ano pasado no entorno de Augas Férreas, en Lugo. ÓSCAR CELA< / span>

A Piringalla repartirá gratuitamente máis de 340 quilos de becerro asado ao espeto, e haberá máis de 240 fogueiras

23 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Centos de lumes de San Xoán iluminarán hoxe a provincia de Lugo de norte a sur e de este a oeste na noite máis curta do ano. Fontes do Concello de Lugo sinalaron que ata onte ao mediodía xa recibiran 238 solicitudes para acender fogueiras nos barrios e nas parroquias, e o prazo para pedir as autorizacións rematará hoxe á unha da tarde. Unha das actividades máis destacadas terá lugar na Piringalla, onde se celebrará a Festa do Becerro ao Espeto a partir das nove da noite. Organizada pola Asociación Veciñal San Isidro da Piringalla e a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, na cita repartiranse máis de 340 quilos de carne de dous becerros doados polo empresario César Dorado, ademais de 150 quilos de pementos e 25 sacos de pan, acompañados por 150 litros de viño, 200 de cervexa e 300 de refrescos. Amenizará a verbena a orquestra Bomba & Band Canarias, e haberá sorteo antes do acendido da fogueira, que está previsto para as 23.45 horas.

Música e malos espíritos

Outra das poboacións lucenses nas que se vivirá esta madrugada a tope será Guitiriz, que vivirá a terceira xornada das súas patronais. Ao mediodía haberá pasarrúas de Os Trileiros, e pola tarde concerto da Banda Municipal no campo da feira ás 19.30 horas. A continuación, comezará unha sardiñada popular e verbena cunha das orquestras máis importantes de Galicia, a Filadelfia, ás 23.30 horas. Pouco antes da media noite prenderase o lume novo de San Xoán para espantar aos malos espíritos. Sarria é outro dos puntos que tamén celebra estes días as súas patronais por todo o alto. Alí a fogueira arderá a partir das doce da noite no campo da feira.