«Sinto que a xente de Guitiriz quería pasar páxina»

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

Considera que o goberno local esqueceu o traballo por liortas internas, e prevé un mandato presidido polo diálogo

26 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Regina Polín está preto do seu terceiro mandato como alcaldesa de Guitiriz. Despois de perder a alcaldía no 2011, ao non repetir a maioría absoluta de catro anos antes e ver como o PP, liderado por Xosé María Teixido, acadaba un acordo con Jesús Veres, atópase nunha situación semellante á do 2003: liderou a lista máis votada, pero necesitará acordos, comezando polo acceso á presidencia da corporación.

¿Foi o programa a clave do seu éxito ata converterse o PSOE no partido máis votado?

-Fixemos unha campaña en positivo. Os demais dedicáronse, en certo modo, a facer unha campaña contra min. A xente de Guitiriz estaba cansa, creo.

¿Tendo en conta os recentes enfrontamentos entre o PP e CxG, con ex compañeiros de goberno local como protagonistas, notou nos veciños desexo de pasar páxina?

-É a sensación que teño, e gústame a expresión. Vertéronse moitasa acusacións contra min, dixéronse moitas mentiras. Pero abandonouse Guitiriz, iso é evidente. Esa deixadez foi en aumento, e a xente entendeuno así. 

Un dos seus proxectos era converter a Casa da Botica en residencia xeriátrica e centro de día dentro da rede que está a promover a da Deputación. Que fará?

-Actuar de inmediato. En xullo debera haber un pleno ordinario. Se non é así, convocarase un extraordinario para a tramitación [o edificio necesita unha modificación parcial das normas urbanísticas]. Pero manter ese proxecto aí é algo que lle teño que agradecer ao presidente da Deputación,.  

¿Pecharase ao tráfico completamente a Rúa do Mercado? 

-Quero que sexa peonil; pero de inmediato ten que vir a aprobación do PXOM. Cando se aprobe, poderanse abrir novas rúas e xa se verá. Si creo que necesitamos rúas peonís que humanicen a vila.

¿Que tipo de pacto ou acordo está disposta a acadar co BNG?

-Creo que en democracia o protagonismo de moitos é positivo. A miña oferta para que entren no goberno está a aí, e se non é así, aceptarei as ideas e suxestións que sexan positivas.

¿Será convulso o próximo mandato?

-Espero que haxa moito diálogo, moita participación.