«A xestión da Casa da Botica foi unha guerra de dous bandos, unha pelexa de galos»

lugo / la voz

GUITIRIZ

Días despois de deixar o seu posto, a ex concelleira de Guitiriz critica que arredor do 80% do programa do PP para este mandato non se executou

19 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado luns Ana Broz anunciaba o seu abandono do goberno local, tras formar parte da lista do PP, con fortes críticas ao alcalde, Xosé María Teixido. Non é un adeus á política, pois encabezará a candidatura de Compromiso por Guitiriz en maio.

-Que promesas do programa quedaron sen executar en deportes?

-A creación dunha zona deportiva con pistas ao aire libre. Levo catro anos trasladando en reiteradas ocasións á Xunta a necesidade de que en Guitiriz se instale unha pista multideporte, para que os nosos nenos non teñan que xogar na praza, rodeados de coches, co perigo que iso implica. A idea era comprar un terreo cerca do colexio, pero dende a Xunta sempre nos dixeron que non había cartos. Parece ser que precisamente a semana pasada a Xunta lle comunicou ao alcalde que tiñan cartos para a instalación dunha, oxalá se execute.

-E en sanidade e servizos sociais?

En sanidade, a consecución dunha consulta de xeriatría e o aumento dos días de pediatría. Dende o Sergas comunicóusenos que, debido á época económica que atravesamos, non era viable este aumento de consultas. En Sanidade adiqueime a fomentar os hábitos de vida saudables, con campañas antitabaco, charlas informativas sobre nutrición, alzhéimer, cancro, así como o fomento da práctica deportiva como forma de vida saudable. Servizos Sociais non é área que me corresponda, pero si que podo dicir que soamente se cumpriu o punto de Premiar a natalidade con 100 euros por neno empadroado.

-Que parte do programa do PP de Guitiriz quedou sen cumprir nestes catro anos?

-Dentro do programa, que está impreso, de 26 propostas, aproximadamente o 80% quedaron sen executar ou, o que é peor, sen tan sequera intentar xestionar. Son exemplos o PXOM; a política industrial; a solicitude dunha brigada permanente da UME en Santa Cruz, que o que se fixo, aínda por riba, foi non defender o suficiente aos veciños co tema das concertinas; o asesoramento xurídico gratuito aos cidadáns; a mellora e a oferta de máis prazas do centro de día e do PAI; a mellora das áreas recreativas, e moitas máis. Pero sobre todo a máis importante, Xestionar a creación dun xeriátrico, xa que o único que se fixo foi pelexar contra a Deputación por defender unha siglas, o mesmo que a propia Deputación, que o fixo para defender os caprichos das súas siglas gobernantes.

-A recente construción da ponte sobre a vía, cumpriu as expectativas dos veciños?

-Por suposto que non. É certo que os veciños querían eliminar o paso a nivel, pero a día de hoxe é máis perigoso o enlace desa ponte coa rúa Xermolos e Tralouteiro ca o propio paso. Non se explica, nin eu mesma entendo, como isto segue así a día de hoxe. Imaxino que será unha vez máis por deixadez, porque unha obra desta envergadura ten que estar moi anunciada e xamáis é un imprevisto. Pero non é un tema no que eu tivese en ningunha ocasión nin datos nin competencias.

-Que lle parece a xestión da Casa da Botica? Cal sería a mellor solución?

-A xestión da Casa da Botica foi unha guerra entre dous bandos, sen que ningún dos dous primara o máis importante, que neste caso é o benestar dos veciños. Unha pelexa de galos entre Candia e Besteiro, entre Regina e Teixido; en definitiva, entre PP e PSOE. O peor é que os perdedores, como sempre ocorre nas guerras, son os máis débiles: neste caso os nosos maiores, xa que a día de hoxe, tras catro anos de guerra, Guitiriz segue sen xeriátrico, cunha casa en ruínas e un centro de día que non cobre as necesidades dos veciños. A mellor solución para unha residencia será buscar outro emprazamento debido a que nesa casa, segundo os proxectos que eu vin, soamente daría para 25 prazas, o cal sería insuficiente, xa que a día de hoxe xa contamos con preto de 50 veciños de Guitiriz que están en residencias xeriátricas. Ademáis de que ao ser tan poucas prazas, o custe por cada unha supera para os usuarios os 1.000 euros, e todos sabemos que Guitiriz é un concello eminentemente rural e que as pensións dos nosos maiores non acadan esa cifra. Por iso, ao buscar outro emprazamento que permita un proxecto máis ambicioso, con máis prazas e con centro de día, abarataríase o custe por praza e cubriríanse as necesidades de todas e todos os veciños. Na Casa da Botica habería que estudar un proxecto de restauración en función do que permita o feito de ser un edificio catalogado. E darlle un uso público.

«Levo catro anos trasladando á Xunta a necesidade dunha pista multideporte»
«O enlace da ponte sobre a vía do tren é hoxe máis perigoso ca o paso a nivel»