O Museo recibe 150 pezas de arte africana doadas por Xoán Anllo

lugo / la voz

COSPEITO

Anllo, que traballou 40 anos para Nacións Unidas, onte con dúas das pezas doadas ao Museo.
Anllo, que traballou 40 anos para Nacións Unidas, onte con dúas das pezas doadas ao Museo. alberto < / span>lópez< / span>

Este chairego, afincado en Madrid, traballou na ONU

21 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo Provincial de Lugo amplía os seus horizontes cunha importante colección de arte africana doada por Xoán Anllo, chairego de Feira do Monte afincado en Madrid que traballou como tradutor de Nacións Unidas durante catro décadas. A cesión das 150 pezas, que no 2007 deron forma a unha exposición temporal na galería lucense, formalizouse onte cun convenio que asinaron o propietario e o responsable de Cultura da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro. Esculturas, cimeiras, máscaras, pechaduras, repousa calugas, poleas de afiar, ourivería, colares, escudos cerimoniais, tecidos ou espantamoscas procedentes de todos os recunchos do continente africano compoñen a colección, que foi recompilada por Anllo durante as viaxes que realizou por todo o mundo, tanto en mercados locais como en poxas de casas de subastas. «Contribuirá a enriquecer grandemente os fondos etnográficos do Museo de Lugo, a achegar a todos os visitantes ao forte magnetismo e espiritualidade das coleccións africanas e axudará a romper fronteiras neste mundo global», destacou Outeiro.

Unha sala específica

As pezas poderán visitarse de xeito permanente nunha sala específica situada no baixo cuberta do edificio, un espazo que ata agora estaba destinado a almacén. A colección está valorada nuns 50.000 euros. Anllo destacou que o seu interese pola arte africana puido deberse ao vivido na súa nenez e xuventude en Sistallo, Cospeito, onde escoitou relatos e presenciou cerimonias relacionadas cos mortos e a enfermidade, e rituais agrícolas, en liña dos do Antigo Exipto, o Sahel, Ghana ou Malí. Na presentación participaron a xerente da Rede, Encarna Lago; a directora do Museo, Aurelia Balseiro; e o académico Darío Xohán Cabana.