«Nunhas leiras botarei fabas, e as outras, para os gandeiros»

X.M.P. VILALBA / LA VOZ

CASTRO DE REI

DANIEL PORTELA

18 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier Miranda, de Riotorto, ten unha empresa de cultivos agrarios na que a pataca adoita ser un dos principais produtos que coloca no mercado. Este ano, porén, a situación cambiou: por unha banda, o concello riotortense é un dos incluídos na prohibición do cultivo; por outra, conseguiu terreos en Pacios (Castro de Rei) que quedaron incluídos na franxa de control dos cinco quilómetros.

A alternativa, polo menos dende o punto de vista teórico, semella xa decidida: «Tentarei botar fabas», di sobre os seus proxectos para as leiras de Riototo, nas que a superficie dedicada a patacas andaba outros anos polas dez hectáreas. Tamén semella claro o que fará nas terras de Pacios, que teñen unha superficie de 15 hectáreas: «Seguramente, botarei millo para vendelo aos gandeiros».

De todos os xeitos, a claridade dos seus proxectos contrasta coa visión negativa que ten sobre a xestión da praga: «Isto non hai por onde collelo», di. Pregunta, e pregúntase, se se está a loitar con medidas concretas para acadar a supresión: «Penso que non», explica. Unha solución que considera axeitada é a creación dun campo de cultivo nun dos concellos afectados e usalo para estudar a evolución da praga e decidir medidas.

«O dano é gravísimo»

Advirte que esta situación está xerar xa consecuencias: «O dano é gravísimo», afirma. «É un dano á imaxe de Galicia; o que se vende fóra non se sabe se é de aquí ou de Ourense», engade. Pero tamén deixa aberta a porta a que a situación cambie e o cultivo recupere a normalidade.

O que está a pasar non só ten consecuencias para o cultivo e para as terras. En anos de colleitas bos podía distribuír arredor de 250.000 quilos, posibilidade que neste 2017 xa non se vai dar. Hai ademais outras consideracións sobre o futuro inmediato: «Non teño dereito a indemnización porque non plantei», comenta.

«Que me deixen traballar»

Con cinco empregados fixos, cifra que ás veces medra con outros temporais, Miranda mesmo ironiza un pouco sobre as medidas reais de apoio ao medio rural: «Todos din ?eu apoio o rural?, pero... Eu xa non digo que apoien o rural, quero me deixen traballar», explica. «Tentas facer vida aquí, e ao final...», engade.