O lamentable estado dos viacrucis en Lugo

FERNANDO ARRIBAS ARIAS PATRIMONIO

CASTRO DE REI

FERNANDO ARRIBAS

12 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os viacrucis son, xunto cos cruceiros e os petos de ánimas, unha das manifestacións devocionais máis xenuínas e identitarias do pobo galego. O viacrucis, tamén chamado vía Dolorosa ou vía Sacra, é a denominación que recibe o camiño realizado por Xesús dende a casa de Pilatos ata o monte Calvario. Todo indica que foron os Franciscanos os primeiros en establecer este culto, pois a eles se lles concede, en 1342, a custodia dos Santos Lugares. Xeralmente, os viacrucis están formados por 14 estacións que se corresponden cos diferentes episodios da paixón de Cristo.

Viacrucis de pedra en Galicia

Unha das características dos viacrucis pétreos de Galicia é a súa variedade tipolóxica. É doado atopar exemplos deste tipo de monumentos formados por cruces baixas, altas ou incluso cruceiros. Como exemplo de cada un deles podemos citar os viacrucis de Santa María de Bearíz dos Montes (Ourense), de 1773; de Sorribas (Rois-A Coruña), de 1698 e de Santiago de Tortoreos (As Neves-Pontevedra). Noutros casos, as estacións están representadas por columnas de granito de sección cuadrangular rematadas nunha cuberta coma o de San Salvador da Lama (Pontevedra), de 1902. En ocasións, estas columnas presentan na parte superior unha capela, rematando o conxunto unha cuberta a catro augas, como en San Francisco de Louro en Muros, de 1878. Máis espectaculares son os viacrucis formados por pequenas capelas, como o da Nosa Señora dos Miragres de Baños de Molgas, deseñadas por Antonio Gómez e executadas polo canteiro Xacinto Fraga entre 1825 e 1857, ou o famoso das Ermidas, no Bolo.

Outra variable para ter en conta, con respecto aos viacrucis galegos, é a súa localización. A maioría deles están situados ao redor da igrexa parroquial, sobre o muro que delimita o adro. Tamén hai viacrucis nos que as estacións están en ringleira, ao longo dun camiño, para rematar nun outeiro (que fai, ás veces, de Calvario e no que pode aparecer unha cruz ou cruceiro de maior tamaño, así como unha gran imaxe de Cristo), nunha ermida ou na igrexa.

Polo que respecta á provincia de Lugo, en Santa Mariña do Castro de Amarante, en Antas, podemos ver un interesante viacrucis composto por 14 cruceiros. En Castro de Rei, na parroquia de Santa Locadia, atópase un orixinal viacrucis promovido por Alejandro Rey-Stolle y Rovira. Inaugurado o 9 de setembro de 1931, comeza na igrexa e remata no cumio do Monte da Escrita, presidido por unha gran imaxe do Sagrado Corazón, obra de Juan Novo, escultor de Palas. Un peculiar viacrucis atópase en San Salvador de Búbal, en Carballedo, onde as cruces que marcan este camiño están gravadas e pintadas nos perpiaños exteriores dos muros da igrexa.

Viacrucis do concello de Lugo

O concello de Lugo conta con tres viacrucis pétreos, se ben non descartamos que houbera algún máis na contorna das nosas igrexas. Estes tres viacrucis, completos ata non hai moitos anos, son o de San Román de Santa Cristina, o de Labio e o de Santa Locadia, este último en Carballido. O denominador común a todos eles é que están incompletos (o de Santa Locadia está case desaparecido despois do roubo de dúas das cruces que marcaban este camiño de penitencia) e que se atopan nun lamentable estado. Polo que respecta á súa tipoloxía, son de dous tipos. O primeiro, que se corresponde co de Labio e San Román, estaría formado por cruces de pedra sobre o muro que delimita o adro da igrexa, mentres que o segundo está integrado por cruces, tamén de pedra, pero que marcan un camiño de penitencia que vai dende á igrexa a unha ermida, como é o caso do viacrucis de Santa Locadia.

De todos eles, é o viacrucis de San Román de Santa Cristina o máis completo. Non obstante, das 14 estacións orixinais, só se conservan nove cruces baixas, todas elas co denominador de ser de granito, latinas, monolíticas e dun tamaño semellante (con pequenas variacións) agás a principal, de maiores dimensións. Distribuídas ao redor da igrexa e colocadas sobre o muro que delimita o adro, todas elas presentan unha sección cuadrangular, pero coas arestas rebaixadas, así como a presenza, nos extremos, dos brazos de dúas diagonais en forma de cruz de San Andrés. Hai que engadirlle a semellanza das súas bases: monolíticas e con forma de prisma rectangular, pero coas arestas superiores lixeiramente redondeadas.

Polo que respecta á cruz principal, diante da fachada e non sobre o muro do adro, é latina e monolítica, diferenciándose das anteriores no seu maior tamaño, na súa sección romboide e nos extremos dos seus brazos e da súa cabeceira, que aparecen moi resaltados e son de tipo pometeado. En canto a súa cronoloxía, probablemente sexa do XVIII, realizada ao tempo, ou pouco despois, que a igrexa.

O de Labio está nun lamentable estado, pois na súa localización orixinal só se atopan cinco cruces, a maioría baixas, das que unha delas está a punto de caer e outra está cuberta de vexetación que ameaza a súa integridade, ademais de ter todas elas unha contorna deteriorada pola presenza de nichos ou panteóns de gran tamaño que, na maioría dos casos, ocultan a súa visión dende o interior do adro. Ao igual que no caso anterior, as cruces de Labio son latinas, monolíticas, de sección cuadrangular. Todas teñen unhas dimensións semellantes, duns 70 centímetros.

Probablemente integrantes deste viacrucis, pero actualmente fóra do seu contexto orixinal, son dúas cruces cunha forma e tamaño á última que acabamos de comentar. Unha delas amosa nunha das súas caras a inscrición das letras IRS, de difícil interpretación pero que ben puideran ser unhas iniciais e nas cifras 167, que, na nosa opinión, representan a data de construción deste camiño da cruz, probablemente levantado ao tempo que a igrexa, no XVII.

San Martiño de Carballido tiña, ata non hai moito tempo, un magnífico viacrucis que enlazaba a igrexa (onde se conserva unha cruz monumental con pousadoiro e outra arrimada ao muro que delimita o adro) coa capela de Santa Locadia, a través dun camiño coñecido como «do calvario» Deste viacrucis, dos séculos XVII ou XVIII, só quedan as xa cruces do adro e, ata non hai algún anos, outras dúas cruces, unha delas mutilada, das 14 que orixinalmente completaban este camiño de devoción, polo que pasaba o Camiño Primitivo denantes da modificación do seu trazado por parte da Xunta. A cruz recentemente desaparecida era de granito, latina, monolítica e de sección cuadrangular, cunha altura de 111 cm, que se levantaba «sobor de dúas gradas irregulares asentadas nun penedo».

A particularidade deste viacrucis é que une a igrexa e a capela de Santa Locadia a través dun vello camiño encadrado nunha fermosa paraxe, un pouco deteriorada coa plantación abusiva de piñeiros. Remata nunha cruz monumental con pousadoiro, elemento este que, xunto co existente no adro da igrexa de Gondar, son os únicos no concello.

Conservación e rehabilitación

Contrariamente ao que sucede con outros viacrucis existentes en Galicia, en perfecto estado de conservación e que constitúen un atractivo turístico, os de Lugo atópase nun lamentable estado: con cruces desaparecidas, outras caendo ou cubertas de vexetación, coa contorna deteriorada pola construción sen control de panteóns de dubidosa estética. No caso de Labio, a disputa pola ampliación do cemiterio está levando á perda irreparable dun orixinal viacrucis, do que xa se «privatizaron» dúas estacións que habería que recuperar. Neste caso, sería necesario a solución deste conflito, iniciado no 2010, que ten enfrontados os veciños; conflito que tamén atinxe a Cultura, ao Concello e a Hidrográfica. En segundo lugar, habería que repoñer no seu contexto orixinal as dúas cruces «privatizadas» e, por último, sería preciso elaborar un proxecto que, coa aprobación das autoridades pertinentes, achegue unha solución á ampliación do cemiterio e contemple a rehabilitación do viacrucis.

Estas recomendacións valen, en parte, para as outras vías sacras. No que respecta á de San Román de Santa Cristina a súa rehabilitación é moito máis doada, xa que se conservan máis estacións. Unha limpeza de vexetación e a recuperación das cruces que faltan, así como unha restauración das existentes, bastarían para darlle unha nova vida a esta monumento devocional.

Maior complicación presenta o de Santa Locadia, pois a desaparición das cruces que o formaban é un importante obstáculo para a súa recuperación. Algún veciño comentounos que boa parte delas estaban agochadas nunha casa da parroquia, extremo que non puidemos comprobar ao non ter máis datos e porque ese tema excede as nosas funcións. De todos os xeitos, gustaríanos facer un chamamento para que quen tivera estas cruces as devolvera. O seu valor reside, ademais do material, no seu significado e este vai ligado ao contexto no que estaban colocadas orixinalmente, marcando un camiño de devoción. A recuperación deste camiño coidamos que serviría, en parte, para darlle un novo pulo a esta parroquia como o que ten O Veral co Santo Matías.

Sería desexable que, a curto prazo, estes tres viacrucis volvan a ter o esplendor que tiveron no pasado, cando formaban un destacado conxunto devocional coa igrexa parroquial. Estes monumentos, xunto cos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas, todos eles protexidos pola nosa lexislación, constitúen unha parte moi importante do noso patrimonio histórico artístico e etnográfico, aspectos esenciais dunha cultura que nos caracteriza como pobo diferenciado. É por iso, polo que a súa recuperación s debe ser unha tarefa urxente, arbitrándose medidas encamiñadas a asegurar a integridade física, así como proceder á súa rehabilitación e posta en valor cun Plan Director. Non nos gustaría que a desidia municipal, unida ao desinterese das comunidades parroquiais por estes temas, se traducira a curto prazo na desaparición total dos nosos viacrucis.