Baamonde e Saavedra

Xulio Xiz TRIBUNA

BEGONTE

21 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Édifícil nestes tempos sempre postelectorais e preelectorais, que as forzas políticas dun concello se poñan de acordo en calquera asunto, que nunca como agora foi tan verdade o do «cristal con que se mira», aínda para cuestións que só poden vistas de xeito obxectivo. E sen embargo, aínda funciona o «sentidiño» e, de cando en cando, os políticos son capaces de poñerse de acordo e votar de xeito unánime en temas que son moito máis ca un punto da orde do día. En Begonte, ven de ocorrer algo así xa que unha proposta da Alcaldía (PP) foi aprobada por todos os concelleiros, e o sábado próximo vaise nomear «Fillos predilectos» a un filósofo e a un escultor, como exemplo de que neste concello chairego recoñecen o valor do traballo dos seus membros máis sobranceiros, e valoran -e presumen de- que dous dos seus figuren en olimpos tan diversos pero igual de excelsos como son unha das belas artes clásicas e a ciencia do pensamento. Víctor Corral Castro, escultor autodidacta que logra figuras que merecen ser consideradas celestiais, e Sergio Rábade Romeo, filósofo, mestre de filósofos, colocaron Begonte (Ou, o que é o mesmo, Baamonde e Saavedra) en lugares tan excelsos que o concello quixo recoñecérllelo do xeito tan meridiano, como o sábado imos presenciar. Quen é o que honra máis? O Concello de Begonte a Víctor e Sergio, ou Víctor e Sergio ao seu concello natal?. Primeiro, uns; e logo o outro. O certo é que o sábado vaise producir un acto de xustiza propio do mellor tribunal onde os encausados serán felices, e os membros do concello poden sentirse así tamén.