Lugo, capital Becerreá

Xulio Xiz TRIBUNA

BECERREÁ

10 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai anos -era Cacharro presidente da Deputación-, houbo unha xuntanza para asinar convenios, e tocáballe a Guillén, alcalde de Becerreá, subscribir un coa Deputación polo que se ía construír naquel concello unha piscina climatizada.

Cando coidabamos que o alcalde de Becerreá tomaría a palabra para agradecer obra tan importante, a primeira autoridade local lanzou unha diatriba sobre que estaba moi ben construír a instalación, pero ¿quen se ía encargar do seu mantemento?. O Concello non podería costear unha piscina climatizada, xeitosa para gozala, pero imposible de soster. Que un alcalde do mesmo partido lle cantase as corenta a un presidente da Deputación como Cacharro, era algo insólito.

Agora, outro alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, consegue a construción dunha residencia da terceira idade. Xa Suplusa, onde Martínez ten importante papel, se pronunciou favorablemente pola residencia, e foi el quen presentou proposta ao pleno, co apoio do PP, e o goberno provincial non ten máis remedio, en cumprimento do acordo plenario, que incluíla no presuposto do presente ano.

Ao ser iniciativa do afectado, nada terá que obxectar á construción da residencia, axude ou non a Xunta de Galicia. E Becerreá consegue, polas boas, unha instalación pública de primeira necesidade, quedando o seu alcalde nun lugar de honra. Visto está que Becerreá está de sorte, e estes catro anos parece que non vai ter queixa do trato que vai recibir da Deputación Provincial.