A Fonsagrada, a excepción sobre o uso do galego na Xustiza

Laura López LUGO / LA VOZ

A FONSAGRADA

Manuel

Un avogado ourensán alerta sobre o incumprimento da lei en materia lingüística na maioría dos xulgados

04 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O da Xustiza é un dos ámbitos sociais no que a normalización do uso do galego ten máis camiño por andar. Así o explica o escritor, profesor e avogado ourensán Xosé Manuel Pacho Blanco, quen, porén, destaca unha excepción: A Fonsagrada. «En vinte anos nunca unha administración de xustiza me contestara en galego, agás A Fonsagrada», explica. E iso a pesar de que a Administración debe contestar na lingua (sempre que sexa cooficial) na que un se dirixe a ela.

Para este profesional, o caso deste xulgado da montaña lucense resulta curioso: «Emprego habitualmente o galego nos escritos e oralmente, e ata agora nunca me contestaran en galego», engade Pacho Blanco, que fixo a súa tese de doutoramento sobre dereito e lingua.

Problema legal, non ideolóxico

Para este profesional, o uso da lingua «non debería ser un problema ideolóxico, senón legal». De feito, a lei de normalización lingüística recolle que «as actuacións xudiciais en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada. En todo caso, a parte ou o interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa». Tamén que a Xunta «promoverá, de acordo cos órganos correspondentes, a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xustiza». Por outra banda, Pacho Blanco tamén explica que a lei de procedemento administrativo común recolle que os interesados que se dirixan aos órganos do Estado na comunidade autónoma, neste caso, a galega, poderán utilizar tamén a lingua que sexa cooficial, é dicir, o galego, e o procedemento tramitarase na lingua escollida polo interesado. Tamén a lei orgánica do poder xudicial recolle este dereito.

Pacho Blanco comenta que en Cataluña «non teñen dúbidas» a este respecto nin se encontran con este tipo de problemas. Pero en Galicia a situación é moi diferente; a realidade é que é «moi habitual que alguén declare en galego e lle recollan as declaracións en castelán», comenta o avogado ourensán. Tamén lamenta a falta de datos oficiais: «Non hai datos do uso da lingua galega nin das medidas da Xunta para promover o galego na Xustiza».

A singularidade da Fonsagrada

O caso da Fonsagrada é singular e, de feito, hai dous anos tivo lugar neste concello un acto para celebrar os 25 anos da chegada do galego ao sistema xudicial. O primeiro xuíz da Fonsagrada que fixo que o galego fose utilizado normalmente neste xulgado foi Xoán Montes Somoza. «Pero todos os xuíces que pasaron por alí respectaron ese hábito, houbo moita sensibilidade neste sentido», recorda Pacho Blanco. Entre os xuíces que traballaron na Fonsagrada está Luis Villares.