No centenario da morte de Jesús Rodríguez López

adolfo de abel vilela LUGO

A FONSAGRADA

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O 24 de marzo de 1917, falecía en Lugo aos 58 anos, o soado médico cirurxián, escritor e poeta, Jesús Rodríguez López, coñecido popularmente como Gambetta polo seu parecido co parlamentario francés Léon Michel Gambetta. Ese día a cidade perdía non só a un bo profesional da pediatría, senón tamén a un divulgador de temas sobre a saúde e a un dos seus veciños máis singulares coñecido polas súas actividades literarias, tanto en castelán como en galego, formando parte daquela corrente de literatos e poetas que deron lugar ao Rexurdimento. Foi un dos participantes na elaboración do Regulamento da Real Academia Galega e un dos primeiros corenta académicos de número.

Naceu no número 22 da Rúa da Tinería o 28 de xullo de 1859. Era fillo dun xastre, é dicir, dun menestral, dese extracto social que hoxe chamariamos clase media traballadora, chamado Ramón Rodríguez, natural de San Ciprián da Viz, en Terra de Lemos, e de María Juana López Mourenza de San Mamed de Lousada.

Nesa época Lugo era unha cidade moi rural que empezaba a desenvolverse en todas as ordes, no urbanístico, no social e no cultural. O seu motor económico era a feira de gando mensual, que se celebraba nos campos de San Pedro e de San Roque, e a feira anual de outubro, coñecida primeiro como de San Francisco por comezar o día 4, e logo de San Froilán. Aínda non había festas, haberá que esperar ao seu tímido inicio en 1876. O primeiro tren non chegou ata 1875 e a vida urbana rexíase polo reloxo da catedral, o único que había público desde 1577. Tampouco había xornais, nin luz eléctrica, os mesóns anunciábanse cun ramo colgado na porta e de cando en vez aínda se vían os porcos polas rúas onde se criaban desde tempo inmemorial.

A faceta de médico

Por todo o dito, pódese entender que Jesús Rodríguez López foi protagonista desde a súa infancia e mocidade do desenvolvemento de Lugo, da súa modernización, porque non só supoñemos que puido presenciar a chegada do primeiro tren, da electricidade en setembro de 1894, da primeira proxección de cine en xullo de 1896, do teléfono e doutros adiantos finiseculares, senón que tamén colaborou e viviu os dous grandes acontecementos de 1896, o II Congreso Eucarístico Nacional e a Exposición Rexional.

Obtivo o título de bacharel en Artes (1874), trasladándose a Santiago de Compostela para estudar medicina conseguindo praza de alumno interno no Real Hospital de Galicia (1878-1880) licenciándose en Medicina coa cualificación de sobresaliente (1881).

Exerceu a medicina en Lugo como especialista en cirurxía e enfermidades da infancia, tendo a consulta no número 19 da Rúa da Raíña. En 1886 a Deputación concedeulle unha axuda para viaxar a París cunha moza á que mordera un can, para estudar na clínica Pasteur o procedemento para curar a rabia. Considéraselle como un precursor no uso dos antibióticos en Galicia.

En marzo de 1890 foi comisionado polo gobernador civil para curar unha epidemia de gripe na Fonsagrada. Foi secretario do Colexio Médico-Farmacéutico que se constituíu o 21 de setembro de 1899, e representouno en Madrid, no Congreso Internacional de Higiene y Demografía (1898). Foi vocal da Xunta Médica disposta polo Gobernador Civil (1898). En 1912 asistiu en San Sebastián ao Congreso Médico Internacional de Tuberculosis.

Topamos coa Igrexa

Malia ser un católico practicante e de ter varios amigos eclesiásticos, dos que tres chegaron a ser bispos, Jesús Rodríguez López topou coa Igrexa cando en 1895 publicou o folleto, despois ampliado e transformado en libro, Ligeros apuntes sobre las supersticiones de Galicia, que foi declarado «pernicioso para a fe» polo bispo Benito Murúa López, o 5 de outubro, festividade de san Froilán, aducindo que contiña «no pocas proposiciones, cuando menos inexactas, atrevidas, temerarias, mal sonantes, ofensivas de los oídos piadosos, injuriosas, erróneas, impías y que favorecen la incredulidade».

O traballo fora presentado ao Certame Literario e Musical convocado pola Sociedad Recreo Juvenil de Artesanos de Monforte, con motivo das festas locais, e optaba ao premio dun tarxeteiro de prata que dera o deputado a Cortes por Lugo, Teolindo Soto Barro, para o mellor traballo que se presentase ao apartado Estudio sobre las creencias supersticiosas de los gallegos, que polo título fainos supoñer que estaba destinado ao seu traballo. Pero previamente pasoullo aos seus amigos Antolín López Peláez, cóengo maxistral, e Teolindo Gallego González, profesor do Seminario, os cales, como teólogos non lle fixeron obxeccións.

Pero o bispo encargou a supervisión dos traballos presentados ao padre Andrés, censor escolapìo, e a Tomás Buide López, cóengo penitenciario e profesor de Teoloxía Dogmática e Moral no Seminario de Lugo, que foi o que se opuxo á aceptación porque consideraba que a supresión drástica dunha determinada práctica relixiosa podía facer diminuír a fe do pobo.

Lonxe de arredrarse ante a censura, imprimiu inmediatamente o folleto para vendelo en Monforte unha vez que se coñecese o fallo. O folleto foi prohibido tres meses despois, cando o bispo andaba de visita pastoral por Lalín, pero despois entrevistouse co el logrando a autorización para a segunda edición logo de reformar as súas informacións sobre a calidade supersticiosa de certas prácticas relixiosas, de maneira que ao ano seguinte, 1896, publicou Las preocupaciones en Medicina. Conocimientos útiles a la familia. Reglas para conservar la salud, para no dejarse engañar por los curanderos y para conocer a los médicos, cuxo título dános luz sobre o seu contido, ao que seguiría a súa obra máis coñecida sobre o tema Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, publicado en Madrid en 1910. Nestes traballos recollía o que lle contaban os pacientes do medio rural.

Este episodio sorprende porque Jesús Rodríguez López tiña boa relación co bispo e coa Juventud Antoniana, onde deu varias conferencias, e sinal de que era un bo católico é o feito de que foi o oferente na Ofrenda do Reino de Galicia de 1900.

Cidadán liberal, escritor e poeta

Desde os tempos de Manuel Becerra, pertenceu ao partido liberal lucense, sendo concelleiro do Concello no período de 1899 a 1903 e segundo Tenente de Alcalde en 1902, relacionado xa que logo con Benigno Quiroga Ballesteros e Segismundo Moret que veraneaba coa súa familia en O Incio na casa do político lugués.

Escribiu en castelán e en galego. Pertence a un grupo de universitarios que desexan o progreso de Galicia e a súa cultura, propagaban as ideas rexionalistas e o idioma galego, que defende nos seus escritos dos detractores foráneos que o menosprezaban.

Nos seus poemas, relatos e novelas costumistas retrata o mundo rural da contorna, como A Cruz de Salgueiro que foi publicada como folletín no diario El Regional en 1899, e as comedias O Chufón, en dous actos que se ocupa do tema do casamento no rural, estreada en Pontevedra o 26 de abril de 1916, e El Socialista e O zorro. Como intelectual estivo presente na vida cultural da cidade. Participou na fundación da Asociación de Escritores y Artistas Lucenses o 28 de setembro de 1890, asociación que ao longo dos anos organizou Xogos Florais e concursos literarios así como as festas do Centenario do descubrimento de América, en outubro de 1892.

O 28 de setembro de 1890 celebrou xunta xeral a Sociedad Liceo, unha das varias recreativas que había na cidade, acordando nomealo presidente. Foi Secretario (1906) e Presidente (1912-1916) do Orfeón Gallego que fundara Juan Montes e en 1915 foi elixido presidente da Liga de Amigos.

En canto aos amigos, dicir que en Lugo era un home popular, pero pola súa profesión e afeccións estaba vinculado co que era a elite da burguesía lucense, e sobre todo con aqueles relacionados coa súa profesión e o mundo da cultura, os catedráticos e profesores do Instituto, da Escola Normal e determinados funcionarios.

Casou na igrexa de Santa María de Betanzos o 30 de setembro de 1899, con Adela Pedreira Rego, filla do avogado desa cidade Jacobo Pedreira e de Adela Rego. Tiveron tres fillos, José e Jesús, ambos médicos, e María Concepción, funcionaria de Facenda. Para manter presente a súa memoria, a asociación Lugo Patrimonio, da que son presidente, solicitará ao Concello a colocación dunha placa na casa da Rúa da Tinería onde naceu, viviu e morreu.