«Son cabezón cando penso que teño a razón»

XOSÉ CARREIRA LUGO / LA VOZ

LUGO

O ex concelleiro do PP advirte que non leva a espiña cravada de non ter quitado a alcaldía a Orozco

10 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Crónica dunha marcha anunciada. Jaime Castiñeira Broz, xa é ex concelleiro e tamén ex voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo. A media mañá de onte anunciou que deixaba ambos cargos para marchar para Compostela, ao Parlamento de Galicia.

?A súa decisión prodúcese logo da renovación no PP lucense no que vostede deixou a presidencia. ¿Tan picados, permítame ese termo coloquial, están dentro do partido?

?Para nada. Na rolda de prensa que dei para informar da decisión dixen que en política todos somos necesarios e ninguén é prescindible. Eu tiña moi claro que non me ía volver a presentar e iso significa que hai que dar paso á renovación que encabezou Ramón Carballo (actual subdelegado do Goberno) na xunta local. A partir de aí podemos estar falando de que puido ser todo xunto no congreso, quince días antes, quince días despois... Esta decisión que eu comuniquei era un paso que estaba perfectamente planificado.

?Vaise logo de 18 anos como principal edil da oposición. ¿Marcha con algunha espiña cravada por non ter logrado algo especial para a cidade, por exemplo?

?Hai moitas cousas. Daría para falar moito. Hai cousas que se conseguiron e outras que da pena que non chegaran dentro dese modelo de cidade que tiña na cabeza. Desgraciadamente quedamos por 400 votos da maioría no 2011. Ao mellor, se cadra, logo non se houbera podido levar a cabo o proxecto como se pensaba, porque as veces un pensa as cousas e logo non se poden levar a cabo, pero polo menos poñer as raíces e a planificación desa cidade pensada para as persoas, máis peonil, con árbores nas rúas... Unha cidade como as que temos por aí. Lugo ten moitas posibilidades. Algunhas ideas levámolas no programa e outras quedaron na cabeza. Vexo que agora, na actual corporación, hai moitos grupos e iso non é malo. Son máis puntos de vista, visións diferentes, e a confluencia en moitas cuestións. Ao final no é tanta a diferenza e creo que non hai que ter medo a chegar a acordos. Animo á corporación a chegar a acordos cando a finalidade sexa o interese xeral. Da igual a ideoloxía, o importante é o fin; e o fin debe ser Lugo.

?E esa espiña, ¿Non será non terlle gañado á Orozco no seu momento?

?A Orozco gañóuselle. Non puidemos ter a maioría absoluta fronte a Orozco. As dúas veces que me presentei, gañeille, pero non foi suficiente para chegar á alcaldía polos pactos. Pero esa non é unha espiña que teña aí. Fago unha comparativa cun partido de fútbol. Resulta que fas un xogo fabuloso pero o que ocorreu foi que naquel momento tiramos o penalti, pero parouno o porteiro ou o balón deu no poste e saíu para fora. Outras veces, o balón da no contrario entra e non por iso fas un mellor ou peor partido.

?E agora a traballar a Santiago, que hai moito que facer por Lugo....

?Loxicamente, a defender os intereses de Lugo. Como portavoz de vivenda e chan industrial e presidente da comisión segunda de infraestruturas, medio ambiente e servizos, hai moito labor por facer e agardo facelo tendo en conta os intereses dos lucenses, como non pode ser doutra forma. Quixera aproveitar para destacar a honra que foi para min representar aos lucenses como concelleiro e agradecerlles que me votaran. Agradecer á miña familia a comprensión logo das horas que lle restei. Como portavoz durante 7 anos tiven o traballo feito, grazas ao equipo e a súa colaboración. Tamén agradecer aos adversarios políticos, nunca inimigos. Senón aprendín máis deles, ao mellor a culpa foi miña. Unha lembranza para os falecidos Pilar Iglesias, Serafín Pena Souto, Marcos Cela, José Rábade... Agradecemento tamén para a meu equipo: Javier, Pablo e Paula, excelentes comunicadores. E tamén aos medios, aínda que ás veces non compartira o que se publicaba. Son un pouco cabezón cando penso que teño a razón e, ao mellor, tíñaa ás veces.

?A maiores tamén demostrou que ten moito carácter no debate político...

?É así. E iso leva a que haxa persoas que se sintan feridas ou ofendidas polas palabras na vehemencia que se pon cando se cre ter razón e na defensa dos intereses de Lugo que sempre puxen por encima de todo. Cando un intervén é difícil que as decisións ou palabras non afecten a alguén. En ningún momento houbo ánimo de ofensa persoal. Sempre intentei facer aquilo que beneficiaba aos lucenses en xeral ou aos veciños dalgunha zona.