O Lugo máxico levará espectáculos ao HULA e as escolas infantís

As actuacións comezarán o vindeiro día 1

.

21/04/2017 14:41 h

 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada do ilusionista Rafael Pereira, máis coñecido como Mago Rafa, presentaron este venres, no patio do Vello Cárcere, a XIV Semana Internacional de Maxia en Lugo-Lugo Máxico, que terá lugar do 1 ao 6 de maio na Praza Maior, nas escola infantís da Piringalla, Serra de Outes, Gregorio Sanz e Sanfiz; no Auditorio Municipal Gustavo Freire e nas ociotecas do Uxío Novoneyra, Milagrosa, Maruja Mallo; así como no MIHL, no Mercado Municipal, no Mesón do Forno, no Centro de día Antonio Gandoy, nas Casas das Linguas de Acea de Olga e da Piringalla, no Vello Cárcere, no HULA, na Praza do Castiñeiro, na Ponte Romana, e no Hospital de Calde.

 Durante a presentación, a edil enxalzou este festival, considerado un dos máis importantes de Europa, recoñecido por prestixiosos magos como Jorge Blass, Yunke ou Juan Tamariz. Basadre tamén fixo fincapé na parte social de Lugo Máxico, que ofrecerá actuacións no centro de día, escolas infantís ou ociotecas, ademais de rúas e prazas, «aberto a que a maxia e a ilusión chegue a todas as partes da cidade». A Concelleira, quen quixo agradecer ao Círculo de Ilusionistas de Lugo a súa implicación para levar a cabo, ano tras ano, esta semana da maxia, convidou á cidadanía a participar nas actividades.

Pola súa banda o Mago Rafa agradeceu ao Concello a súa colaboración para que Lugo teña a posibilidade de ofrecer un dos mellores festivais de maxia de Europa e por converter á cidade unha vez máis na capital mundial da maxia. A XIV Semana Internacional de Maxia en Lugo ofrece unha programación para todas as idades, que achegará unhas corenta actividades á cidadanía, estreando dous lugares esta edición, o Vello Cárcere e as Casas das Linguas.

 As galas

Nesta edición, o festival Lugo Máxico ofrece tres galas. A primeira delas será o día 1 de maio, ás 18:00 horas na Praza Maior, coa compañía Civic Civiac, que presenta o espectáculo El Gran Zampano, premiado en distintos festivais de rúa, como en Italia. O venres día 5 terá lugar a Gala Unipersonal Jeff Toussaint El Hipnotista, «un dos mellores ilusionistas do mundo», en palabras do Mago Rafa; e o sábado 6, a Gran Gala Internacional, na que participarán o arxentino Maximiliano Stia, que exercerá de presentar, o belga Aaron Crow, que realiza «unha maxia distinta e extrema», o estadounidense Charlie Frye and Company, que mezcla humor, maxia e malabares; o francés Néstor Hato, actual campión de Europa de manipulación, o suízo Erwan, que forma parte da nova xeración de ilusionistas, e os españois Edama, que realizan maxia teatralizada. Ambas as dúas galas comezarán ás 21:00 horas e celebraranse no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

 As entradas para as dúas últimas galas xa poden adquirirse en www.entradaslugo.es por un prezo de 10 ou 12 euros, dependendo da zona, ata 3 horas antes de cada función, así como no Centro de Interpretación da Muralla. Os mesmos días das galas tamén se poderán adquirir no propio auditorio dende 90 minutos antes do comezo do espectáculo.

Votación
1 votos