Manuel María viaxa nos buses urbanos de Lugo

La Voz

LUGO

O Concello colocou poemas do autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas e repartirá entre os viaxeiros 17.000 marcadores de lectura

04 may 2016 . Actualizado a las 17:06 h.

O Concello de Lugo vén de colocar nos 22 buses urbanos de Lugo unha selección de poemas de Manuel María, en carteis instalados no seu interior, onde tamén estarán dispoñibles dende mañá xoves un total de 17.000 marcadores de lectura que poderán levar os viaxeiros. Os poemas, que estarán colocados durante o mes de maio, tamén se poden observar por todos os recunchos na cidade en 17 mupis informativos. A entidade local realiza estes días ademais unha distribución másiva de 10.000 dípticos co poema que comeza «O idioma é a chave coa que abrimos o mundo», dedicada á lingua galega.


A iniciativa, que leva por título #17PoemasDeManuel María enmárcase dentro da programación posta en marcha polo Concello de Lugo para render tributo a Manuel María no ano que se lle dedican as Letras Galegas. Para a concelleira de Cultura, Carmen Basadre, distribuír a obra deste poeta, tan vinculado á cidade de Lugo, «é unha forma de preservar a súa obra e a memoria deste escritor, que escribiu os versos máis fermosos que temos na literatura galega».

Os poemas distribuídos son: Fume, Canción á miña abulia acentuada, Responso desesperado, Bando, Testemuña, Verbas a un irmao, Verbas pró día da miña morte, O carro, Galicia, Os nenos dos casinos, Compre afogar as bágoas, Ollos de nenos, A muiñeira, A fala, A ti che pido amor, Outonecendo e Oda á cidade de Lugo.


Manuel María pervive na memoria de Lugo

O Concello de Lugo ten programadas unha vintena de actividades que se realizarán ao longo de todo o ano, con especial intensidade durante o mes de maio. Mañá xoves, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) terá lugar a presentación dun DVD ás 20.00 horas. O propio Día das Letras Galegas, o Concello ofrecerá un concerto do conxunto vogal Lugh, que actuará polas rúas da cidade a partir das 13:00 horas, así como un recital homenaxe dos poetas da revista Xistral na Casa do Concello, que foi fundada por Manuel María. En xuño, o día 5, Día do Medio Ambiente, terá lugar unha rota xeoliteraria polos espazos próximos á cidade, dada a gran presenza dos temas medioambientais na obra de Manuel María. Ademais, no Parque da Milagrosa e na rúa que leva o nome do autor, terá lugar un recital dos seus poemas sobre a natureza.

O Día Europeo das Linguas, 26 de setembro, na Casa das Linguas, recital de poemas traducidos a outras linguas.

No mes de outubro, o Concello celebrará o nacemento de Manuel María na Casa do Concello cunha conferencia da man de Darío Xohán Cabana; e dentro das festas do San Froilán, concerto d`A Quenlla, un dos grupos que máis cantaron e cantan a Manuel María. Neste mesmo mes, tamén se presentará unha edición facsimilar dos dous primeiros números da revista Xistral.