«Non me axudan a facer dous aparcadoiros», di o alcalde

La Voz

LUGO

08 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, tivo constancia da medida da Garda civil porque foi convocado días pasados a unha xuntanza na Subdelegación do Goberno para tratar do asunto. Nela, dixo, trasladou unha petición de  que a medida de non permitir o aparcamento afectase só a un das beiravías  da estrada e namentres non se buscaran outras solucións alternativas. Pero os especialistas en seguridade e outros técnicos dixeron que nin así se solucionaría o gran caos que se ten organizado. O rexedor dixo que nada tiña que opinar encol da medida que está baseada no que establecen as leis e regulamentos da seguridade viaria.

Raposo recoñeceu que en ocasións houbo estacionamentos en dobre fila xa que logo os coches non teñen lugares onde aparcar na zona. Lembrou que como alcalde tiña pensados proxectos para facer dous aparcamentos fóra da estrada, pero advertiu que, polo de agora, non tivo ningún apoio por parte das institucións. 

Lembrou que han de ser varios os organismos que se pronuncien como, por exemplo, os que teñen competencias ambientais, xa que logo o lugar está incluído na área de Rede Natura. «Non hai terreos acondicionados. Hai que preparalos», indicou. O monte afectado é de man común e serían precisos diversos permisos. A maiores dixo que no caso de que houbese que recorrer a parcelas incluídas dentro de fincas particulares sería preciso levar a cabo expropiacións que corresponde axilizalas a organismos moi diferentes ao concello. Eses dous proxectos que manexa terían localización nun caso moi cerca do poboado e noutro algo máis lonxe.

Lembrou que O Cebreiro, polas súas condicións turísticas ha de estar ben preparado. Raposo tamén explicou que xa noutro tempo propuxera un servizo de microbús que partiría de Pedrafita e funcionaría ininterrompidamente os días de máis afluencias. A medida,  non lles gustou a algúns hostaleiros do lugar porque entendían que poderían saír máis beneficiados os da vila e o que alcalde quería era precisamente iso, segundo lembrou onte. 

José Luis Raposo Magdalena, rexedor do Concello de Pedrafita, entende que non se pode aparcar hasta en dobre fila na beiravía hasta chegar case a cortar o paso pola estrada.