Grandes focos de actividade

Xosé A. Pombo

LUGO

26 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os mosteiros, de sempre, foron focos de actividade económica sobre todo agraria e comercial. Certo que desde que se fundaron hai 800 ou 900 anos os cultivos cambiaron conforme as sociedades transformaron necesidades e gustos.

Procedería un longo debate sobre as riquezas xeradas nestes enclaves así como a súa distribución social, pero tamén é ben certo que cos excedentes das súas actividades económicas puideron realizarse magníficas obras de arte destinadas a perdurar.

Non esquezamos que as riquezas provocaron, e aínda provocan, codicias e que moitos se achegaron aos cenobios co fin de encher os petos: recordamos tristemente o paso dos exércitos franceses expoliando canto de valor atopaban nos edificios relixiosos e tamén as desafortunadas leis desamortizadoras que malveron e peor distribuíron terras e edificios ademais de permitir a destrución de obxectos artísticos e documentos únicos.

O mosteiro de Meira é paradigma do citado. Perdéronse un cláustro xunto con edificiacións conventuais pero aínda quedan a igrexa e parte da abadía, que son parte imprescindible, case indisociable, desta vila do oriente galego.

Coa presenza destas construcións o visitante reflexiona sobre unha magnificencia económica que nunca se debeu perder e que aínda pode ter continuidade no tempo de sabérmola gobernar.

Entrementres, benvidas sexan todas cantas iniciativas nos achegan o coñecemento e o goce deste amplo patrimonio. En definitiva, coñecendo, valorando e rescatando o noso pasado non estaremos a facer outra cousa que construír un pouco mellor, entre todos, o noso futuro. Agardemos un bo porvir para a riqueza monacal en Galicia.