O san Cosmiño

Xosé Antón Pombo

LUGO

02 oct 2015 . Actualizado a las 12:38 h.

Chegado o outono astronómico e meteorolóxico, celébrase unha das últimas romarías da comarca: san Cosme de Galgao ou da Montaña. Revisando vellos recordos, lembramos que a ela acudían xentes das contornas a pé, de a cabalo ou no coche de liña para rogar pola saúde propia, pola dos seus e pola dos animais. Moita xentiña alí se congregaba! E iso contando que podía chover, facer sol ou soprar o nordés. Impresionaba ver homes, mulleres e nenos que saíran con noite desde a súa casa nos altos do Xistral ou da Corda e que montados nas bestas miraban dende riba aos máis. Asombraba a concentración piadosa que os devotos do santo, san Cosmiño para os achegados, mostraban mentres murmuraban pregarias ao tempo que circunvalaban a igrexa seguindo o rotar do mundo, que é contrario ao rotar do sol, e portando exvotos de cera.

Pasaron os anos e as cousas pouco cambiaron. A xente continúa acudindo ao santo, as ofrendas vanse cumprindo, as voltas á igrexa mantéñense en orientación adecuada e recítanse oracións aprendidas. Se cadra entra certo aquel ao observar que cabalos e eguas foron substituídos por coches aparcados con manobras imposibles e que algúns devotos, para chegar ao adro, deben facer alarde de ousadía atravesando o labirinto dunhas entradas de autovía. Afortunadamente a brétema alíase cos romeiros pechando a moderna estrada e mantendo despexado o vello camiño de peregrinos.