Torre de Doncos

Xabier Moure CARTA ABERTA

LUGO

12 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En La Voz de Galicia do día 11 de agosto do 2015 aparece unha Carta aberta asinada por Antón Valcarce, reclamante da titularidade da Torre de Doncos, no concello das Nogais. Escribe que, efectivamente, Juan de Luna, herdeiro de Francisca de Valcarce, titular do señorío, perdeu o preito pola súa posesión, por sentenza (de máis de cen folios) ditada pola Real Audiencia da Chancillería de Valladolid en 1566. Pero no litixio houbo uns gañadores que foron os Álvarez de Toledo, linaxe de onde é orixinaria a Casa de Alba. Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares endexamais dixemos que pasara naquel momento a Monterrei, senón que co tempo acabou naquel condado. Nós non nos posicionamos a favor nin en contra de Antón Valcarce ou do Concello das Nogais, limitámonos a sacar á luz uns documentos que poden achegar algo de luz sobre a propiedade da torre. En ningún momento dubidamos das intencións de Antón Valcarce de que no caso de que adquira a titularidade, ao día seguinte a ceda ao Concello para que sexa un ben público. Iso é, precisamente, o que queremos dende o noso colectivo, que Doncos sexa un ben público.

Concordamos ao cento por cento con Antón Valcarce que en Galicia xa sufrimos espolios dabondo para que uns persoeiros, que nin o comeron nin o beberon, se apoderen dos seus bens por interese propio como está a acontecer co castelo de Monterrei. O que nos preocupa é a demora da Administración en resolver o tema. Mentres, o castelo continúa a deteriorarse sen que se poidan acometer os labores elementais para a súa consolidación e posta en valor. Ao tratarse dun ben patrimonial, como poder, nin sequera se pode limpar a maleza de acceso á fortaleza. Cónstanos que nos últimos meses a afluencia ao lugar incrementouse dunha forma considerable o que aumenta o perigo para os visitantes.