De película

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

30 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A película Presidente por accidente conta a historia dun actor con pouca sorte na profesión, contratado como Presidente para suceder ao ditador que viña de morrer. Non é o mesmo, pero na Deputación conseguimos ter unha Presidenta por accidente, nunha das situacións máis rocambolescas da política provincial.

Se houbese acordo en que o partido máis votado obtivese a gobernación das institucións, o resultado sería o mesmo, pero con final previsible. Aquí, en cambio, parece como se resultase ser o mal menor o triunfo do Partido Popular, nun proceso de infarto.

O PSOE vota entre os dous candidatos, e o máis veterano dos contendentes gaña amplamente ao seu opoñente, alto cargo provincial do partido. O segundo en discordia ?concordia non houbo-, o Bloque, veta a ese candidato triunfante porque está suxeito a un proceso xudicial que ?segundo a parte contratante, necesaria para conseguir o goberno da provincia- o invalida para poder encabezar o goberno no que eles ían participar.

O Bloque precisa facerse oír xa que no concello a voz cantante levouna Lugonovo que retirou politicamente a López Orozco, que tivo que deixar paso a Lara Méndez. E de paso pode querer facer esquecer que para conseguir cogobernar en Galicia precisa apoiar ao PSOE, salvo moi especiais casos municipais.

O candidato do PSOE mostrouse inconmovible, e votándose a si mesmo foi decisivo para non conseguir gobernar. E os populares, que estaban a velas vir, están na gloria. Se iso non é unha presidencia por accidente ?nada que ver coa película, repito- eu non sabería como chamarlle ao acontecido na Deputación de Lugo.