Elsa Vega

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

27 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Elsa Vega é unha animosa muller arxentino-chairega que levaba os setenta e tantos anos que ten soñando con vir a Galicia. A ela nacérona na Arxentina, pero seus país eran de Castro de Rei, e estes días pasados por fin puido percorrer os diversos lugares que figuran na súa historia familiar.

O apelido Vega venlle do gran poeta Crecente Vega, unha das voces máis sonoras da Terra Chá, e por ser sobriña neta de Francisco Vega Ceide, Francisco da Fientosa, aquel ao que chamaron o Lorca galego, asesinado en Madrid en 1936.

Elsa, por profesora de Literatura, aínda entendeu mellor aos seus devanceiros poetas, e deu en suspirar por visitar Galicia, que non foi posible ata agora. Mantén unha amizade rotunda con Xosé Manuel Carballo, que lle servíu de ponte entre dous mundos (Arxentina e Galicia), que ao final puideron fundirse nesta viaxe ao ?fin do mundo?, que para ela é unha viaxe ao principio do seu mundo persoal e familiar, emprendida na compaña do seu neto Mariano, de dezanove anos.

Como nesta vida parece que nada hai perfecto, un desgraciado accidente de tráfico sufrido en Madrid, vaina reter entre nós máis tempo do previsto, e faina ocupar unha cama de hospital, convalecendo de varias fracturas, que vai levando con paciencia franciscana e ledicia ostensible. Elsa Vega, vindo a Galicia foi rotundamente feliz. E eu certifico que unha inconveniencia coma esta que, para calquera mortal, sería un episodio a lamentar sempre, para ela quedará mitigada pola satisfacción  incomparable de, por fin, tres cuartos de século despois, conseguir vir á súa Galicia tan soñada de lonxe.