«Imos pelexar con dous auténticos dinosauros»

Dolores Cela Castro
dolores cela LUGO / LA VOZ

LUGO

O candidato di que queren devolver a dignidade a vida política para recuperar a confianza nas institucións

01 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O docente Santiago Fernández Rocha encabezará a lista de Lugonovo ás próximas eleccións locais. Votáronlle 225 persoas, das 289 que participaron nun proceso que o propio candidato calificou de modélico. Encargáronllo a unha empresa externa, que lle cobrará á organización 0,46 euros por voto emitido.

-¿Como valora o proceso?

-A participación foi moi alta. Somos unha organización recén creada e que voten 312 persoas é un bo comezo. Moi positivo porque significa que a xente quere algo diferente.

-¿Que vai facer a partires de agora?

-Desenvolver a campaña de cara ás eleccións. Temos poucos recursos e ímolo suplir con ilusión e unha estratexia intelixente que sexa eficaz. Somos sabedores de que nos vai levar un traballo enorme na que imos loitar con dos auténticos dinosauros e nós non podemos pelexar nas mesmas condicións, co que teremos que aplicar o que xa dixen, unha estratexia intelixente.

-¿Como vai ser a campaña?

-Un dos eixos vai ser a dignificación da vida pública no concello, para que a xente o vexa como unha institución seria na que se poida confiar. Imos tratar de levar adiante un proceso transparente. A nosa intención é que calquera cidadán poida coñecer dende a súa casa a xestión das contas públicas, contratacións de obras e de persoal e converternos no antídoto da corrupción e do clientelismo.

-Na súa organización hai moitas e dispares sensibilidades. Non pensa que iso pode xerar problemas?

-Si que hai moitas sensibilidades, pero todas respetamos un principio que é a democracia. Ata o de agora fixémolo desa maneira e deu resultado: analízanse os temas e se non hai consenso, vaise a votación. Todos asumimos ese principio, polo que existen razóns para que haxa moitos problemas. De momento estanos funcionando bastante ben.

-¿E a lista como teñen previsto completala?

-Xa temos os 17 primeiros e agora engadiremos a persoas de relevancia que están dispostas a colaborar e a apoiar a campaña. Entre eles temos a Bernardino Pardo e a antigos concelleiros como Zita Méndez, Neves Núñez, Xosé Anxo Lage, que teñen acreditada a súa xestión, o seu compromiso e que teñen honorabilidade probada.

santiago fernández rocha candidato a alcalde de Lugonovo