Cacharro, o mito

Adolfo de Abel Vilela FIRMA INVITADA

LUGO

11 mar 2015 . Actualizado a las 12:31 h.

Vaia en primeiro lugar os meus respectos para o defunto e para a súa familia que evidentemente ten que sentir a súa perda. Pero esta consideración non pode ser impedimento para que faga a miña valoración da súa xestión como político, con acertos e desacertos como corresponde a toda obra humana. Como versificou Ramón de Campoamor «nada es verdad ni mentira y todo es según el color del cristal con que se mira», por iso vou dar unha visión diferente da súa actuación apartándome das gabanzas que se empezaron a escoitar, unhas sinceras, outras interesadas e algunhas hipócritas, porque o non facelo sería dar por boa unha actuación e uns métodos de facer política moi pouco recomendables nunha democracia.

   Comprendo a postura laudatoria daqueles que foron beneficiarios dun emprego obtido pola porta de atrás, sen pasar os filtros de capacidade e mérito requiridos nas administracións públicas, dos empresarios e profesionais que obtiveron contratos, pero retorcendo os procedementos legais para eliminar competidores, dos que obtiveron subvencións, comisións de servizo para estar en chiringuitos creados ad hoc, dos que foron promovidos a cargos políticos de designación ou de elección, empregos honoríficos, etc, porque é de ben nacidos ser agradecidos. 

    Cacharro chegou en 1983 á Deputación, porque o partido tivo a necesidade de destituílo como conselleiro de Educación por petición unánime da oposición que naquel momento era maioritaria no Parlamento. Buscáronlle acomodo como candidato a presidir a Deputación Provincial, retirando a Armando Rodríguez Castro que era ao que lle prometeran o posto.  Primeiro desde a Deputación e despois facéndose co control do partido, conseguiu todo o poder que lle serviu para crear un rede clientelar para beneficio político propio, por iso sacaba como senador máis votos que o partido, e duns poucos, pero aínda que se diga o contrario este xeito de actuar nin beneficiou á sociedade nin ao seu partido que leva 16 anos na oposición na cidade e oito na Deputación. 

   Pero para ser xustos tampouco hai que botarlle toda a culpa da situación, el fixo o que os dirixentes do seu partido lle toleraron facer, entre eles Fraga, pensando só no interese electoral, ao que por certo desprezou negándolle un posto na candidatura de Lugo para as eleccións autonómicas. Así que Cacharro foi en política o que lle deixaron ser, contando para iso con cooperadores necesarios e cun bo número de estómagos agradecidos que lle fixeron os traballos máis ingratos da política, porque unha das súas características era a de non dar a cara en cuestión delicadas, sempre había alguén que o facía por el, era un mestre en tirar a pedra e esconder a man.

   Sobre Cacharro hai moitos mitos, como o facerlle artífice do Campus Universitario de Lugo. Quen o iniciou coa Facultade de Veterinario foi o seu antecesor na Deputación, Luís Cordeiro Rodríguez, pero este embolado que lle deixou, non tivo máis remedio que continualo. Era unha situación parecida á que tivo o goberno bipartito da Xunta coa Cidade da Cultura que non se atreveron a paralo. Despois viu que isto lle permitía facer máis favores e acrecentar o seu poder e influencia e tomouno como un mal menor. Cando foi nomeado conselleiro, a consellería na preautomomía era de Educación e Cultura, pero a xente da cultura consideraba que era problemática, e como non quería aguantar «aos filgueiras», permitiu separala. Despois tamén viu que nese mundo podía gañar adeptos e subiuse ao carro, pero de mala maneira. 

   Baste como mostra do súa mala xestión a súa política no Museo Provincial. O primeiro que fixo foi prescindir da Xunta do Museo que o rexía para poder controlalo. Cando faleceu o seu director Manuel Vázquez Seijas, malia existir un técnico en museos pagado polo Estado, prescindiu dos seus servizos, Despois nomeouno, pero como non debían de coincidir na política museográfica, botouno fóra e nomeou a unha dirección dócil que lle permitiu instalar o Museo Nelson Zumel dentro do Museo Provincial, nunha ampliación que fora promovida por Cordeiro con outra finalidade. Aquela dirección tamén caeu en desgraza e foi substituída. 

  O Museo estivo pechado ao público máis de cinco anos debido a unhas obras que non tiñan que durar máis dun, e aínda por riba, enfrontouse á familia de Álvaro Gil Varela, negándolle a propiedade dos seus depósitos, asunto que acabou nos tribunais, con sentenza favorable para a familia, e que nos acaba de custar a todos os contribuíntes case tres millóns de euros. En 1987 o Concello e a Consellería de Cultura decidiron facer unha exposición arqueolóxica para mostrar ao público algúns obxectos atopados nas escavacións dos aparcamentos subterráneos, para facer pedagoxía, decidiuse montala no edificio do antigo cárcere, por consideralo un espazo singular. Sendo conselleiro Alejandrino Fernández Barreiro, do PDP, incluíronse nos orzamentos da Xunta durante dous anos unha partida de cincuenta millóns de pesetas para a súa recuperación, pero nunca se puideron utilizar porque influíu nos alcaldes copropietarios, que eran do seu partido, para que non se fixese. Tiveron que pasar vinte anos ata que Orozco conseguiu a propiedade para o Concello, mediante acordo e por vía de expropiación.

   Cando decidiu construír uns aparcamentos nos patios da Deputación, sendo obrigatorio facer unha escavación arqueolóxica, prescindiu deste trámite, o que supuxo un mal exemplo para os cidadáns, pois unha institución pública non debe quebrantar a legalidade. Ao final escavaron un dos patios aparecendo un forno romano, escavación que acabou pagando a Consellería de Cultura, mentres se lle nega a compensación económica aos particulares. E que dicir da UNED. Sempre se opuxo a que houbese en Lugo un centro asociado, que se conseguiu co novo equipo de goberno da Deputación.

   En fin. Cacharro considerou a Deputación como a súa casa e de morto saíu dela para o cemiterio. A instalación da súa capela ardente no Salón de Plenos para que o pobo desfilase ante o féretro, un caso único na historia de Lugo, non só cheira a rancio senón que vén ser un recoñecemento a súa política por parte dos que a criticaron cando estaban na oposición. 

   A proposta que o seu partido quere facer para que o Concello lle conceda unha distinción, ten a mesma finalidade, pero non deixa de ser sorprendente, esta homenaxe póstuma se queira facer con pólvora do rei, promovido por aqueles que, en contra do seu desexo, lle negaron renovar as súas candidaturas á presidencia da Deputación e ao Senado. As homenaxes partidarias débense de facerse no ámbito do partido, cunha placa na súa sé, o nomeamento de presidente honorario, ou a concesión das gaivotas de ouro e brillantes a título póstumo. Como o orzamento da Deputación se fai co diñeiro de todos os contribuíntes, non co do político, non queda máis remedio que investilo en facer políticas que sirvan á sociedade. E como ademais á política se vai por servizo público, voluntariamente e con remuneración, ningunha institución pública lle ten que agradecer nada.