O Gaiteiro e o Mintireiro, as biblias da sabedoría popular que non fallan

Xosé carreira LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LOPEZ

Ambas publicacións suman uns seis mil seguidores en toda Galicia

27 ene 2015 . Actualizado a las 04:48 h.

Dos tres calendarios agrarios que sobreviven en Galicia, dous son editados na provincia de Lugo. O Mintireiro Verdadeiro, xa leva na rúa dende finais do mes de setembro do ano pasado. O Gaiteiro de Lugo ven de saír a pasada semana. O que queira demostrar que ámbalas dúas publicacións non din verdade, que erga a man. Son as biblias da sabedoría popular que non fallan. Quen pode afirmar que o Mintireiro, que naceu nunha rebotica de Palas e tivo como ó crego José Regadio como un dos seus creadores, engana logo de facer a seguinte previsión para o que este mes que xa vai rematando? «Choran as campás ó tempo, erre que erre, os agoreiros do tempo por non atinar, osmar ou sospeitar a vindeira tempada, en vez de agoirar po inverno, mellor será maliciar, pero por moito que malicies ficarás amolado. O corisco arrufiaranos un nisco as orellas e deixarános o fuciño aoirido e a carballeira terá boa leña para a lareira. Finarán ó cabo as noxentas pingas, pingas do derradeiro mes tan enlamuxado que non convidará o mes das témeras xeleiras, longas noites e curtos días pra toupexar a carón da lareita cos tizós de carballo». Así pronosticou o calendario o mes de xaneiro. No hai home do tempo, astrónomo ou físico que lle gañe. Sábeno perfectamente os máis de catro mil seguidores que ten en Galicia e nos arredores da comunidade que cada ano saen a súa procura en feiras, festas, mercados ou tamén nalgunhas librarías (poucas) que se atreven a levalo ós seus escaparates. O Mintireiro Sobrevive aínda que a súa portada foi practicamente a mesma dende o primeiro número aló polo principio dos sesenta. Só lle mudaron a cor, e iso porque houbo que cambiar de imprenta unha vez pechada a Lakinfil, que foi a que posibilitou que as profecías do crego Regadío Vázquez, se espallaran polas rúas cada ano. O repertorio de Palas, agora editado en Lugo por Jesús Taboada García, ten como competidor ó Gaiteiro de Lugo, lendaria publicación labrega que agora está en mans da Deputación Provincial de Lugo. A pasada semana, chegou o calendario deste ano. O Gaiteiro de Lugo empezou a tocar en 1867 e polas súas páxinas pasaron colaboradores como Rosalía, Manuel María, Uxío Novoneyra ou Cunqueiro, entro outros autores. A edición deste ano, que non está dedicada a ninguén, consta de 2.000 exemplares que serán distribuídos por diversos puntos. Presenta gravados da revista La Ilustración Gallega y Asturiana (1879-1881) e poemas escollidos da edición orixinal de Follas Novas realizada por La Propaganda Literaria, publicada en La Habana, no ano 1880. O calendario deste ano, se cadra pola crise, perdeu a táboa de mareas. crónica os dous calendarios agrarios que sobreviven en Lugo