Paco Martín: «A biblioteca do Masculino marcoume como escritor»

ANTÓN GRANDE LUGO

LUGO

ALBERTO LOPEZ

O escritor lucense destaca que o Miño foi a súa «infancia»

25 ene 2015 . Actualizado a las 05:12 h.

Paco Martín Iglesias (Lugo, 1940) é mestre e escritor. Aínda que recordado como mestre con gran cariño nalgúns pobos nos que exerceu, como é o caso de Bretoña, a súa faceta máis coñecida é a de escritor. Como tal, acadou o Premio Barco de Vapor polo libro Das cousas de Ramón Lamote, que xa leva un bo número de edicións e que foi traducido a varios idiomas. Tamén acadou o Premio Nacional de Literatura en galego ou o Losada Diéguez entre outros, e mesmo algún premio de xornalismo xa que é habitual colaborador de prensa. Martín ten preferencias por tres recantos ou lugares que, nalgúns casos, recrean a súa memoria. Tal é o caso do río Miño, concretamente o caneiro do Baluro, a biblioteca do Instituto Masculino, hoxe IES Lucus Augusti, e o despacho da súa casa. «O Miño, e máis concretamente o caneiro do Baluro -explica- xunto co pradal próximo do Anguieiro, forman parte da miña infancia de verán xa que alí aprendín a nadar, ía coa miña nai lavar roupa, como facían todas as veciñas de Magoi, e alí foron os meus primeiros escarceos amorosos. A pesar dos anos transcorridos, segue a ser toda una vida de lembranzas para min porque neses lugares pasei tempos moi bos».

Entrou no bacharelato en 1950

O segundo lugar preferido de Paco Martín é a biblioteca do outrora chamado Instituto Masculino, hoxe IES Lucus Augusti, edificio que estreou facendo primeiro de bacharelato en 1950. «Fomos os primeiros alumnos do novo edificio -relembra- e eu, con dez anos, descubrín a biblioteca e así souben tamén da miña afeizón pola lectura. Sen dúbidas, aquilo marcoume xa que me metía alí e tragaba de todo e como ademais prestaban os libros, levábaos para casa para ler cando tiña tempo». O terceiro recuncho preferido de Martín é o despacho da súa casa onde lee, escrebe e traballa diariamente. «O despacho -comenta- vén ser o terceiro que teño dende que me instalei en Lugo porque xa estiven anteriormente en dous pisos antes do que ocupo agora. Non embargantes, este espazo procurei que fora sempre moi semellante en cada unha das vivendas que ocupei porque iso axuda a crear confianza e a ter algo propio e cercano». O despacho ten dúas mesas, unha que ocupa el e outra a súa muller. Alí Paco escrebe, lee, traballa, fala coa súa muller, tamén profesora, e intercambian ideas. Como se pode apreciar, os literatos non se xubilan. Ou polo menos, non o disimulan.

crónica os tres recunchos de paco martín