A asamblea do BNG aproba a candidatura de Lugo, que encabeza Rubén Arroxo

La Voz

LUGO

Arroxo, o segundo pola dereita
Arroxo, o segundo pola dereita ALBERTO LÓPEZ

O cabeza de lista agradece que tres persoas non afiliadas se integraran no primeiro tramo da candidatura

26 nov 2014 . Actualizado a las 21:45 h.

Nunha concurrida xuntanza, a que acudiron un cento de persoas, o BNG aprobou a proposta presentada polo consello local do BNG para conformar o primeiro tramo da candidatura do BNG-Asambleas Abertas para as vindeiras eleccións municipais e que estará encabezada por Rubén Arroxo. Na súa intervención salientou e agradeceu o feito de que tres persoas, sen ser afiliadas ao BNG, se integraran neste primeiro tramo da candidatura. «Somos xente normal que queremos cambiar cousas nesta cidade», dixo Arroxo que se definiu como «un mozo da xeración máis preparada e máis estafada da historia».

Rubén Arroxo é arquitecto técnico e vencellado ao mundo do atletismo, de 28 anos de idade. Arroxo tivo diversas responsabilidades dentro da organización Galiza Nova e xa formou parte da candidatura do BNG noutros procesos electorais. Neste momento Rubén Arroxo é unha das caras visibles da plataforma Miño Si, Gasolineira Non. O primeiro tramo da lista do 2015, presentado onte, está formado por oito persoas: Rubén Arroxo; de número dous Maite Ferreiro, extraballadora de Tragsa; de tres irá Antón Somoza. Licenciado en Humanidades e exedil; de catro a actual edil Cristina Ferreiro; de número cinco irá Daniel Cabana, funcionario da Tesourería Xeral da Seguridade Social; de seis, Esther Fórneas, profesora da USC; de número sete Felipe Rivas, desempregado e membro da plataforma de afectados polas preferentes; e de oito, Marta R. Engroba, vencellada ao asociacionismo contra a violencia de xénero.