O crego de Vilalba que non tiña medo de loitar contra os bandidos

XOSÉ ANTÓN POMBO VILALBA

LUGO

FOTO CEDIDA

Apreixou a Mamed Casanova, Toribio, e despois fixo carreira fóra de Galicia

02 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai días, xa se dixo en La Voz de Galicia que na tarde-noite do 13 de decembro de 1902 o mitificado bandido Mamed Casanova, Toribio, fora apreixado polo daquela párroco do Freixo (As Pontes). Tratábase de Antonio Prieto Poupariña, nado na vilalbesa parroquia de Alba o 9 de xullo de 1864 e alí bautizado ao día seguinte polo cura propio da parroquia, Baltasar da Fraga. Foron seus pais Baltasar Prieto Fernández e María Poupariña Fernández.

Cursados estudos no seminario de Mondoñedo, ordenouse presbítero en 1888 sendo destinado como coadxutor de Sancovade e a súa unida de Vilalba antes de pasar por varias parroquias da contorna de Ferrol (O Socorro, Neda,...). Finalmente foille adxudicado o curato de San Xoán do Freixo en 1902.

Pero o apreixamento de Toribio non foi labor individual. Tiveron nel unha destacada participación os mozos veciños do lugar do Pulgón -Xan do Pulgón, o ferreiro Antonio Pita, Andrés Fontao...-, así como a sobriña e afillada de Prieto Poupariña, Carmen Cascudo, de 14 anos, ademais tres de gardas civís que rondaban a zona.

Os acontecementos desenvolvéronse así: un veciño tróuxolle aviso ao cura de que saíse fóra porque Toribio, armado, quería «pedirlle unha esmola». Antonio Prieto, con certa arte, logrou convencelo de que entrase na reitoral porque quería falar con el e convidalo á cea e a café. Toribio desconfiaba, pero aceptou. Falaron mentres Carmen, con moito medo, cociñaba e lograba dar aviso aos mozos de que lles valesen.

Nestas tamén chegaron os gardas civís, que se puxeron alerta. Cos mozos xa dentro da cociña coa desculpa de xogar unha partida e cos gardas dentro da reitoral, Mamed foi reducido sen que lograse botar man aos dous revólveres que tiña ao cinto nin á escopeta que tiña ao seu carón.

Na filateira ocasionada resultaron feridos de bala o propio Casanova e Antón do Pulgón. Aquela mesma madrugada, e alí mesmo, o bandido foi atendido polo médico das Pontes e ao día seguinte levado en angarellas ao cárcere de Ortigueira.

Por apreixar a Mamede Casanova as autoridades ofrecían unha recompensa de 1.500 pesetas, unha fortuna naquel tempo. O cura cobrouna meses máis tarde pero nunca a repartiu cos mozos que lle axudaran malia a palabra que dera. Ese recordo aínda está vivo nos descendentes dos homes daquela novos.