Cando a arqueoloxía se reaproveita

xabier moure LUGO

SANTIAGO CIUDAD

Petroglifo de Buriz, Guitiriz
Petroglifo de Buriz, Guitiriz

O historiador lembra como hai na provincia numerosos achádegos que foron reconvertidos

18 ago 2014 . Actualizado a las 07:05 h.

Nos museos galegos podemos ver milleiros de pezas que nos permiten facer un percorrido pola nosa Historia, dende as épocas máis remotas ata a actualidade, obxectos, como ben sabemos, que proveñen das escavacións arqueolóxicas, achados casuais, doazóns, etcétera.

Ademais destes edificios, contamos en Galicia cun gran museo ao aire libre formado por miles de enterramentos megalíticos, petroglifos, castros, xácigos romanos, pontes, mosteiros e castelos. Un impresionante museo, envexa de foráneos, que no propio país adoece da máis mínima protección e posta en valor por parte dos responsables de velar polo noso patrimonio.

Dos monumentos citados máis arriba (non se inclúen igrexas, capelas, cruceiros, pazos, hórreos, muíños ou fontes), contamos en Galicia con arredor de quince mil: mais do 70% das parroquias contan con algún tipo de manifestación artística destes períodos.

Na provincia de Lugo levo contabilizados máis de 125 xacementos do Paleolítico, 1.100 necrópoles megalíticas, 34 pedrafitas, 240 estacións con petroglifos, 1.280 castros, centos de aras, estelas, miliarios, calzadas e vilas de época romana, 200 pontes, 120 mosteiros e igrexas mosteirais e máis de 200 castelos e torres medievais. E de seguro que me quedo curto.

Agás contadas excepcións, a súa posta en valor é practicamente inexistente, e non só iso, día si e día tamén asistimos a agresións contra o patrimonio sen que as Administracións fagan nada por evitalo: mámoas achandadas polos labores forestais, petroglifos arrasados por canteiras, castros destruídos por pistas e cortalumes, pontes antigas «restauradas» con formigón, mosteiros que se caen a cachos...

Se non fose polas asociacións e persoas a título individual que están ao asexo, a desfeita sería moito maior. Custa entender como dende as Administracións non se decatan dunha vez por todas de que investir no patrimonio é unha forma máis de crear riqueza, cultural e tamén económica.

Máis ao que ía. De todo este patrimonio, máis ou menos accesible (menos que máis), hai uns monumentos que quedan fóra do alcance da maioría. E non me estou a referir aos que desapareceron, aos achandados ou que están en mans privadas (abondosos, por desgraza), senón a esas pezas que, ao longo dos séculos, foron reaproveitadas en construcións posteriores. Sabemos que as pedras de moitos castros foron reutilizadas, por exemplo, para facer peches de fincas e igrexas, as destas para edificar castelos e mosteiros, que logo tamén serviron para construír casas, cortes, etc.

Pois ben, de entre todo ese material, hai pezas que destacan polo seu enorme valor arqueolóxico, pero que a súa localización, a pesares de que moitos están documentados, non resulta doada para o gran público. E a provincia de Lugo non é unha excepción. Vexamos algúns dos máis salientables relacionados cos petroglifos os castros e a romanización.

Atopamos petroglifos que foron reaproveitados en Guitiriz, dúas pedras utilizadas como material de construción e que na actualidade se atopan no Museo de Lugo.

Unha pedra insculpida cunha figura humana que é utilizada para tapar unha ventá da casa reitoral de Martul (Outeiro de Rei), proveniente, quizais, do Cordal de Acevedo onde se atopou tamén un vaso campaniforme.

En Augas Santas (Pantón), sobre dúas penas con coviñas ergueuse un cruceiro. No museo da mesma localidade hai un petroglifo exento proveniente do peche dunha leira. En Froxán (Sober), unha pedra con círculos concéntricos forma parte do muro dunha casa, motivo que tamén se ve noutro edificio de Proendos. Tamén en Proendos, un pombal levantouse sobre unha pena con gravuras, e nun muro do camiño que vai cara a igrexa hai outro motivo insculpido.

Procedentes da época dos castros, temos exemplos en Guntín de Pallares, onde un morteiro foi reaproveitado nun palleiro da aldea de Mosteiro. Escultura dunha cabeza, posiblemente castrexa, colocada nunha casa de Pereira, na parroquia de Barantes (Sober). No muro dunha casa que dá ao cemiterio de Pinol, tamén en Sober, hai unha cara gravada do mesmo período.

Continuando con Sober, dous trísceles en Arxemil que forman parte dos muros dunha propiedade privada, procedentes, ao parecer, do Agro do Castro; outros trísceles en Pacios e en Proendos, ambos nos muros de casas; e un sexasquele en Santa Baia (Doade), que apareceu ao desfacer a escaleira dunha vivenda. O coñecido como Guerreiro de Ralle, unha cabeza de granito, atopada nunha casa de Vilela (Taboada) foi utilizada como soporte para unha maceta e «pouso» para montar a cabalo.

Os materiais de época romana quizais sexan os máis abondosos. Basa e columna romanas utilizadas como soporte dunha cruz moderna en A Ponte de Neira (Baralla). Na igrexa de Temes (Carballedo), capiteis e unha praca marmórea dun sartego tardorromano nun muro exterior, e dous capiteis que soportan unha pedra de altar no interior. Ara aos Lares Viais de Belesar (Chantada), hoxe en día desaparecida (mercada por un descoñedido anticuario de Barcelona), funcionou como pía de auga bendita da igrexa.

Na igrexa parroquial de Arxemil (O Corgo) atopouse un miliario no ano 1971, reutilizado como pía bautismal sobre o que se gravou unha cruz moderna. No adro da capala de San Bernabé, en Castrillón (O Corgo), edificada sobre un castro, hai un miliario reutilizado como pé dun altar e pintado cunha cruz de Santiago. Lápida na capela de Bascuas (Guitiriz), reutilizada no lintel da porta que comunica a nave coa sancristía. Nun muro da igrexa de Río (Láncara) ha un epígrafe dedicado aos deuses Manes; na mesma igrexa había incrustado un epígrafe coas figuras duns togados.

Na igrexa de San Adrao (Lourenzá), un miliario actúa como pía de auga bendita. En Santalla de Esperante (Lugo), un miliario forma parte dunha casa en ruínas. Miliario de Caracalla, en Satrexas (Monterroso), foi reutilizado como lumieira da porta dun alpendre; no ano 1971 foi mercado por Acuña Castroviejo e levado para a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago.

A casa de turismo da Torre de Vilariño (O Saviñao) ten no seu xardín un fragmento de cornixa dunha obra anterior, labrada sobre unha ara romana de granito. Pedra de mármore con decoración en baixorrelevo empotrada nun esquinal da cabeceira da igrexa de Licín (O Saviñao). Ara de Quintas, en Liñarán (Sober), na actualidade forma parte da basa dunha columna, quizais tamén romana, situada no peche de cemento do adro da igrexa parroquial, aparece en posición invertida. Columna reaproveitada como pía de auga bendita na igrexa de San Martiño (Taboada).

patrimonio lucense outras pezas de museo