«A miña ilusión é que a nena que me sacaron no San José contacte comigo»

Lucía Rey Texto / Alberto López Fotos LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Unha lucense de 69 anos denuncia a desaparición da criatura que pariu no 1962

24 jul 2014 . Actualizado a las 07:02 h.

Sen apoio familiar e casada cun home que a aterrorizaba, Caridade (nome ficticio) acababa de cumprir 17 anos cando deu a luz ao seu primeiro fillo: unha nena que naceu o 13 de setembro de 1962 no hospital San José de Lugo, e da que non volveu saber nada desde o mesmo instante do parto, cando a comadroa a apartou dela sen motivo algún. Esta lucense de 69 anos está convencida de que o bebé foi roubado, como denunciou hai uns meses na Fiscalía de Menores primeiro, e na Policía Nacional despois.

A raíz daquel suceso, quedou traumatizada. «O meu home -afirma- tíñame desafiada para que non lle dixera nada a ninguén. El non quería a nena, e cando saímos do hospital díxome: ?Este tema queda aquí, non se volve falar xamais del. A pequena morreu?». A «liberación» chegou no 1995, cando se separou. Un ano despois viaxou a Lugo desde Barcelona, onde vivía, e acudiu ao antigo hospital provincial para solicitar a documentación que acreditaba que dera a luz aquela nena da que nunca volvera falar con ninguén. «¡Nin ao meu fillo, que naceu no 1970, lle contara nada!», manifesta.