A Quenlla estrea o domingo o cedé con poemas de Díaz Castro

LUGO

A primeira interpretación faise na romaxe do San Alberte, xunto á capela

15 may 2014 . Actualizado a las 20:23 h.

Unha das dimensións de Xosé María Díaz Castro que máis se está a traballar neste 2014 é a relación dos seus versos coa música. Unha boa mostra ofrécese o vindieiro domingo nun dos lugares máis emblemáticos de Guitiriz e da Terra Chá, o adro da capela de San Alberte, ao pé do Camiño Norte e xunto á ponte baixo a cal discorre o río Parga. O grupo A Quenlla presenta, ás sete e media da tarde, o cedé Desorballando outonos, que se compuxo musicando poemas do autor de Nimbos. A estrea chega despois dun recital de poesía previsto para as seis da tarde.

Xa antes, pola mañá, ao pé da capela celébrase unha mostra de artesanía na que actúan Raúl Galego, Caivanca, Sons da Aldea e Os Ceibes de Xermolos. A Asociación Cultural Xermolos e a comunidade de montes de Sambreixo organizan as actividades.