A Fonsagrada presentou o libro do seu crego «atípico»

lugo / la voz

LUGO

FOTO MANUEL

O Museo comarcal e a Deputación editan a obra que destaca o compromiso social do sacerdote Xosé Estévez

20 abr 2014 . Actualizado a las 06:56 h.

O Museo comarcal da Fonsagrada acolleu onte a presentación do libro Un crego atípico na Fonsagrada (1967-1969), que descobre como o compromiso social do sacerdote Xosé Estévez o fixo merecente dun oco na memoria colectiva da zona. A obra foi editada polo museo en colaboración coa área de Cultura da Deputación. «Este libro, máis alá de datos técnicos de carácter demográfico, histórico ou paisaxístico, céntrase no que lle dá vida a esa paisaxe e forma parte desa historia: a veciñanza», destacou o delegado de Cultura provincial, Mario Outeiro. O autor do libro, Xosé Estévez, estivo acompañado no acto polo artífice do prólogo, Luis Villares, así como por María Xosefa Ortiz, que acudiu en representación do museo fonsagradino.

Na publicación, Estévez descobre «o tesouro que as mulleres e os homes gardan: as súas vidas, compasadas coa Terra», e conta por medio de textos, imaxes e mapas o seu paso por lugares como Cuíñas, Cereixido ou A Porteliña. A través deles, Estévez expresa a súa gratitude a uns veciños que compartiron con el a vida.

O relato tamén amosa como «a necesidade se converteu en virtude e cultura, e como a vivencia mística dun crego, Estévez, pode ser a máis telúrica das experiencias».