Un poeta como alternativa a Panorama e a París de Noia

Xosé María Palacios Muruais
xosé mARÍA Palacios VILALBA / LA VOZ

LUGO

PALACIOS

As homenaxes a Díaz Castro consolídanse nas festas de todo Guitiriz

15 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Nin Panorama nin París de Noia. O que este ano está de moda en Guitiriz, á hora da sesión vermú, é un pouco de poesía, que ademais ten o sabor do próximo porque se trata de versos de Xosé María Díaz Castro, protagonista do Día das Letras Galegas que naceu no barrio do Vilariño, na parroquia dos Vilares. Onte, na presentación de actividades que terán lugar nos vindeiros meses, o profesor Armando Requeixo, autor de varios traballos sobre o poeta que escribiu Nimbos, lembrou esa iniciativa, xurdida da man da Asociación Cultural Xermolos e ensaiada xa con éxito de público en varias festas do termo municipal. Nos Vilares xa estivo presente esa homenaxe poética e popular no mes de xaneiro, co gallo das festas de San Vicenzo, e repetirase a experiencia nesta fin de semana, nas da Pascua, que mesmo teñen un día máis -comezan o Venres Santo- para acoller actos de homenaxe ao escritor.

Onte, na devandita presentación, que tivo lugar na parroquia onde naceu o poeta hai cen anos, Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos, lembrou receptividade da xente ao ver que nas festas se len poemas: «Está á altura e asume isto», dixo. Por outra banda, anunciou que poemas do escritor, inéditos uns e xa publicados outros, aparecerían nun cedé de A Quenlla, e subliñou a presenza de alumnos de centros de ensino de todo Galicia que están a interesarse este ano por Díaz Castro e queren coñecer o seu lugar natal. Tamén o instituto de Guitiriz, que leva o nome do poeta, está a preparar actividades, entre elas un roteiro que percorre lugares vencellados coa vida a co obra de Díaz Castro: «Pretendemos que sexan os alumnos os protagonistas que estean orgullosos de ser de onde son», afirmou a profesora Xosefa Fernández.

Xosé Antón Cascudo, que dedicou ao poeta o documental O instante eterno, salientou a importancia de dar vida a zonas rurais como Os Vilares. As actividades teñen o apoio da área de Cultura e Turismo da Deputación, representada onte por Mario Outeiro