Adeus ao castro das Aigas

Xabier Moure

12 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

CO día 6 de outubro do 2013 achegámonos ao castro de Aigas, na parroquia de Rao (concello de Navia de Suarna) para ver os efectos que, segundo me informaran, causaran as máquinas utilizadas para facer os cortalumes nun devastador incendio que asolou a zona no verán deste ano. «Ano negro para Galiza», pensei mentres nos dirixiamos cara o lugar.

A desolación durante a baixada cara o castro, a un e ao outro lado da estreita pista asfaltada, inzaba unha paisaxe que nada tiña que ver coa que nos recibira noutras ocasións. Cando dende o alto da estrada xa nos era visible o castro, observamos, dende a lonxanía, que o lume non o afectara. Para asegurarme peguei os prismáticos aos ollos e o que viron golpeoume coma un mazazo. Non me esperaba aquilo, cría que as máquinas só lamberan o asentamento.

Mais a realidade bulía por vieiros ben distintos: o castro estaba, practicamente, destruído!

Xa sobre o xacemento, o que observaramos dende lonxe confirmouse: as máquinas atravesáranno de lado a lado, un profundo e ancho camiño achandara o recinto.

Foi necesaria tal desfeita? preguntámonos. A resposta, despois de peitear o sitio e de observalo dende distintos lugares, foi que non, que a destrución do castro non tiña porque producirse, que o cortalumes que o destruíu sobraba.

É certo que non somos expertos en extinción de lumes, que nos decatamos de que a prioridade naquelas horas de loita contra o reloxo era evitar que as chamas chegaran á aldea de Aigas (non vou entrar aquí nas inexistentes políticas de prevención). Mais, tiña sentido un cortalumes que comeza e remata no mesmo castro, un cortalumes sen continuidade? Coido que non.

Nas fotografías que achego vese nidiamente que o cortalumes que se practicou sobre o xacemento foi un simple «tirar para adiante», un «facer por facer». Dáme a impresión de que os responsábeis de coordinar as brigadas descoñecían a existencia do castro, se tiveran información de seguro que o resultado había ser outro.

Recollido de: onosopatrimonio.blogspot.com.es.