Cando a Galiza comezou a se ollar

Xulio Pardo de Neyra

LUGO CIUDAD

17 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O 28 de xaneiro de 1917, no teatro Lugo-Salón da Rúa Aguirre, celebrouse un populoso acto previo á organización da Irmandade da Fala desta cidade. Nunha xuntanza presidida por Manuel Lugrís Freire na que estiveron Antón Villar, Luís Peña, Tettamancy, Correa, Banet Fontenla, Vega Blanco e Carballal, e que contou cunha nutrida representación da Irmandade herculina, procederíase a dar soterramento ao rexionalismo, facéndoo, ademais, como desde as páxinas d?A Nosa Terra se subliñaba, a través dun acontecemento no que a Galiza «pol-a vez primeira fala c?oa sua lingua». Non é estraño que desde esa data o nome de Correa Calderón entrase no da nómina de colaboradores do voceiro nacionalista da Galiza.

A partir de entón, naceron numerosas Irmandades: a de Baralla, en 1917, por Evaristo e os seus amigos Pardo de Neyra e Díaz Moreno; a de Mondoñedo, que debemos a Peña Novo, ou a Xuventude Céltiga, que desde Madrid articulou o devandito Correa a carón de Rodríguez Varela. O 12 de xaneiro de 1918 constituíuse a Irmandade da Fala de Lugo, e outra vez Correa Calderón foi o seu motor organizativo, sendo os encargados da súa «oficina eleitoral» na Rúa do conde de Pallares Lasala, Vega Blanco, Osorio do Campo, Garín, Xesús Carracedo e Sergio Castilla.

O primeiro acto de afirmación galeguista do novo grupo lucense foi a primeira asamblea nacionalista, programada para o 24 de outubro mais que debido á epidemia de gripe que asolaba o país debeu ser posposto para os 17 e 18 de novembro. O lugar elixido -existe un craso erro, que descoñezo a quen debemos, cando se fala do Méndez Núñez como lugar en que se levou a cabo a asemblea- foi o teatro Lugo-Salón da Rúa Aguirre, polo demais o único espazo en que se podía celebrar un acto de semellantes características, pois noutro lugar non collerían os seus asistentes, como Risco, Cabanillas, Losada, Taibo, Viqueira, Mosteiro ou Castelao. O 24 de novembro, no mesmo escenario do cine da Rúa Aguirre, celebraríase outra xuntanza, unha «asamblea nacional» (La Idea Moderna dixit) da que xurdiría a Irmandade Nazonalista de Lugo que Correa Calderón constituíu a carón de Carracedo, Tellado, Prado e Lázare, instituíndo un consello de dirección composto por Gayoso Castro, Montero Losada, López Pardo ou Gómez Neira, publicando o boletín A Fouce.