O Museo de Lugo exporá a obra cerámica de Isaac Díaz Pardo

LUGO

Desde o xoves poderanse ver máis de 350 pezas feitas entre os anos corenta ata os seus últimos deseños xa no século XXI

12 nov 2013 . Actualizado a las 18:55 h.

O Museo Provincial de Lugo amosará a partir deste xoves e ata o 2 de febreiro a primeira gran mostra da obra cerámica de Isaac Díaz Pardo. Trátase dunha exposición formada por máis de 350 pezas, que recollen a evolución creativa da cerámica de Díaz Pardo, desde finais dos anos corenta do pasado século ata os seus últimos deseños, xa no século XXI. Un dos comisarios da mostra, Fernando Arribas, sinalou este mediodía na presentación que se teñen feito mostras sobre a parte pictórica de Díaz Pardo, pero que grazas ao Museo Provincial de Lugo porase en valor o seu inxente traballo como ceramista e como creador das míticas formas que levaría á práctica Sargadelos e O Castro. Na mostra poderanse ver pezas inéditas, que proveñen de coleccións privadas e de cesións da familia Díaz Castro.

A exposición tamén inclúe debuxos e bosquexos inéditos de Isaac Díaz Pardo de pezas realizadas nas fábricas de O Castro, Magdalena e Sargadelos.

Na presentación da mostra estiveron, ademais de Arribas (a outra comisaria é Teresa Pena Moreda), a coordinadora da exposición, Encarna Lago, e o delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro.