Descobren en Donís o primeiro petróglifo prehistórico na comarca dos Ancares

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Xabier Moure-Pilar Carpente

O historiador Xabier Moure e a documentalista Pilar Carpente xa llo comunicaron á Xunta

27 ago 2013 . Actualizado a las 07:05 h.

Está a ser un agosto produtivo á hora de atropar xacementos prehistóricos. Se hai uns días saía á luz un importante grupo de petróglifos en Carballedo o domingo houbo outro achádego importante. O historiador Xabier Moure e maila documentalista Pilar Carpente atoparon o primeiro petróglifo prehistórico na comarca luguesa dos Ancares. Foi no lugar coñecido como A Campa do Barreiro, na parroquia de Donís, no concello de Cervantes.

«O xacemento está a media ladeira do monte e a unha altitude duns 1.100 metros. Trátase dun grupo de 21 cazoletas insculpidas sobre gran parte dunha rocha practicamente horizontal. As medidas das cazoletas, bastantes erosionadas e de pouca profundidade, van dende os catro aos seis centímetros de diámetro e repártense sobre o panel».

Moure -que tamén ten catalogado e investigado o importante achádego funerario e mailo castro de Coeses- explica que no xacemento atopado en Cervantes hai «un grupo de sete cazoletas que forman un círculo e só unha das coviñas supera as medidas anteriores, é unha situada nunha esquina da pena cunhas medidas de 12 centímetros de diámetro e unha profundidade duns seis centímetros. Pode que o resto da pena tamén tivera gravuras, mais foi esnaquizada nalgún momento».

Moure destaca a calidade do achádego, xa que sinala que «as rochas gravadas con coviñas constitúen un dos casos máis enigmáticos da arte rupestre. En Galicia atopamos este tipo de representacións dende o Megalítico ata a Idade do Ferro aínda que as máis abundantes pertencen á Idade do Bronce (1800-700 a.C.)».

Sobre o uso que terían estos petróglifos, o historiador lucense apunta que hai varias hipóteses: «lugares sagrados onde se practicaban algúns rituais, lugares relacionados coa fertilidade, mapas de poboados ou astronómicos...». Xabier Moure apunta que estamos diante dun dos «motivos máis comúns na arte rupestre galega», pero valora de maneira significativa que este xacemento prehistórico se dese na comarca dos Ancares, onde apenas hai rastros coñecidos deste tipo de petróglifos.

Tanto Moure como Carpente xa comunicaron no día de onte ao Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura en Lugo e ao Concello de Cervantes a existencia do xacemento e para que teñan constancia del e tomen as medidas administrativas oportunas para a súa conservación.

Caso Carballedo

A Dirección Xeral do Patrimonio da Xunta tamén se porá en breve a catalogar un conxunto de petróglifos localizados por un veciño en Carballedo, onde ata agora tampouco se inventariara ningunha mostra de arte rupestre prehistórica. Atópanse no monte do Fabeiro e presentan moita similitude con algúns dos que se conservan no monte Farelo, en Antas de Ulla.

«As rochas gravadas con coviñas son un dos casos máis enigmáticos da arte rupestre»