Artistas e ecoloxistas homenaxean aos paxaros que viven na Muralla

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

PRADERO

Rodearon o monumento con luvas brancas simulando o voo das aves

25 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Artistas e ecoloxistas uniron onte esforzos para renderlle homenaxe en Lugo ás aves migratorias, por iniciativa do colectivo cidadá Muralla Viva. Concretamente, aos cirrios, os únicos paxaros migratorios que viven na Muralla de Lugo, uns tres meses ao ano. Pola mañá, baixo a dirección da artista Luz Darriba, un grupo de voluntarios rodearon os xardíns arredor da Muralla con luvas brancas simulando o voo dos paxaros. Ademais, pola tarde organizaron un obradoiro de papaventos e un roteiro de avistamento de aves dende a Muralla.

O acto coincidiu co Día Mundial das Aves e foi tamén un xeito de dar a benvida aos paxaros que viven na Muralla, en especial aos cirrios, que teñen no monumento lucense a maior colonia de Galicia. Son aves africanas, moi pequenas, que aniñan nas fendas da Muralla e poden voar a 200 quilómetros por hora. Para a cidade, segundo explican desde o colectivo cidadá, supoñen o mellor insecticida natural, pois comen uns 5.000 insectos ao día, contribuíndo ao control de pragas.

Un berro característico

O nome recíbeno do seu berro «cirrrrri», característico das mañás e dos solpores da cidade. «É un paxaro que nunca se pousa, só o fai para reproducirse, come no ar e tamén durme voando, facendo círculos. Pero non son os únicos animais que viven na Muralla. Hai especies rupícolas, é dicir, que viven na rocha. Temos curroxos, que fan un ruído como dunha bolsa de plástico; grallas pequenas, ave do ano para a Sociedade Galega de Ornitoloxía, das que cada vez quedan menos; pombas, ferreiriños, lagartos...», relatou Bárbara Soto, coordinadora de Muralla Viva.