Xosé Otero Canto presenta en Lugo «Poética da viaxe»

X.M.P. VILALBA

LUGO

O libro describe a súa experiencia dunha viaxe de Lugo a Polonia

25 abr 2013 . Actualizado a las 01:13 h.

A obra que se presenta este xoves en Lugo (Galería Sargadelos, oito da tarde) inclúe poemas repartidos en tres capítulos que se corresponden con outros tantos desprazamentos de Lugo a Polonia, realizados no outono do 2010. A primeira parte, unha viaxe en autobús da cidade amurallada a Madrid, titúlase «Noite de luz»; a segunda, unha viaxe en tren por Polonia, titúlase «Nas entrañas feras da noite», e a terceira, unha viaxe en avión de Varsovia a Madrid, leva por título «No branco silencio». O libro do autor chairego (nado na Ponte de Outeiro pero residente en Lugo, onde exerce de profesor) non leva o limiar desexado, pois prevíase que esa tarefa fose realizada polo profesor Bernardo García Cendán, falecido hai meses. Si aparece, porén, unha carta de felicitación que García Cendán mandou aos amigos no Nadal de 2011.

No acto de presentación da obra, que edita o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) co patrocinio da Deputación, o autor estará acompañado polos profesores Camilo Gómez Torres e Xosé Luís Vázquez Somoza, polo xornalista Xulio Xiz e polo presidente do Iescha, Manuel Castro Santamariña. Tamén actuará o músico Fran Cupeiro, que interpretará diversas pezas de jazz.