Cidades grandes, sen lei

La Voz

LUGO

A derrogación da fracasada e inútil Lei de grandes Cidades debe ser un dos eixes fundamentais das decisións políticas no ámbito municipal

27 ene 2013 . Actualizado a las 16:08 h.

En xaneiro do 2004 entrou en vigor a chamada Lei das grandes Cidades, que en realidade é un título concreto, o 10, da Lei de Modernización dos gobernos locais. Lei aprobada no Parlamento do estado cos votos do PP, PSOE e IU e o voto en contra do BNG.

Esa lei de grandes cidades tiña obxectivos ?rimbombantes? como reforzar a función executiva, atender de xeito máis áxil e eficaz, romper co uniformismo da administración municipal e dotar aos concellos dun novo réxime organizativo e xurídico para responder aos novos retos. A isto engadíase as supostas posibilidades de avanzar na participación veciñal nas decisións políticas no ámbito municipal e achegar a administración aos administrados/as.

Se agora, 9 anos despois da súa aplicación nas cidades galegas, preguntamos aos seus habitantes canto cambiou a súa relación co seu concello grazas a esa lei, á que todos se subiron, dirannos que de qué falamos, por que na realidade non notaron ningún cambio substancial.

Na altura da aplicación desta Lei, as cidades galegas de Vigo e Coruña tiñan por número de habitantes dereito a ser incluídas nesa Lei directamente. As outras 5 con distintos argumentos decidiron solicitar á Xunta que as incluíse no lote a través dun Proxecto de Lei elaborado con esa finalidade. E aló pola primavera de 2004, todas as cidades galegas floreceron na Lei de Grandes Cidades.

Que significou realmente a Lei de Grandes Cidades?

Deturpación da democracia

Con respecto aos edulcorados adxectivos cos que nacía no papel, practicamente nada. En termos absolutos, non cumpriu os obxectivos de eficacia, proximidade, axilidade ou participación que prometía.

Significou rebaixar considerablemente as cotas de democracia representativa que un concello debe sustentar tras a decisión soberana dos seus veciños/as nas correspondentes eleccións. Isto é así, por que se lle quitaron competencias decisorias aos Plenos Municipais, o órgano onde reside a verdadeira representación cidadá a través dos grupos políticos que obteñen cos seus votos presenza nos mesmos. Furtóuselle esa capacidade decisoria aos plenos e aos cidadáns, ao darllas, ou directamente ao Alcalde, ou á Xunta de goberno, onde só están presentes uns poucos concelleiros/as dos electos pola cidadanía. Isto significa reducir as expectativas democráticas. Con esta Lei pódense impoñer decisións, aínda que o pobo dixera que non quería imposicións a través de maiorías absolutas. Aínda máis como exemplo, esa Lei permítelle a un Alcalde constituír unha Comisión cos compoñentes que a el lle pareza e que teña carácter resolutorio.

Directores Xerais e Concelleiros/as non electos/as

Nesa suposta maior eficacia que se pretendía para as Cidades a través da nova lexislación, incluíuse a posibilidade de que os gobernos municipais nomeasen Directores Xerais para os servizos de competencia municipal que considerasen. Nomeamentos, claro está, totalmente discrecionais e con altos custes para as arcas municipais, dada a categoría coa que se clasificaba ese ?alto cargo?. Un exemplo salientable deuse en Lugo coa fracasada xestión dun carísimo Director Xeral de Policía, que non só non solucionou a problemática da policía Local de Lugo senón que a enlamou máis.

Pero máis salientable é a figura do/a concelleiro/a non electo/a. Isto en síntese, consiste en que o goberno municipal que o considere pode incorporar concelleiros/as que non ían nas candidaturas desa forza política e que, polo tanto, non formaron parte da elección co seu voto da cidadanía. Estes concelleiros/as pasan a formar parte das Xuntas de Goberno, teñen responsabilidades e capacidade decisoria no goberno. Iso si, non votan nos plenos. Só faltaría. Aínda que para o que queda que votar nos plenos, que máis dá.

Lembrar, iso si, que esta parte da Lei foi a máis empregada, a que en verdade foi executada en máis ocasións polos distintos gobernos municipais.

Que máis deturpación da democracia real ca esta?

Sen participación cidadá

Outro dos aspectos nos que creo que fracasou estrepitosamente esta Lei, foi no referido aos supostos avances en materia de participación cidadá. Entendida esta, como o xeito de involucrar aos veciños/as dun concello na toma de decisións sobre aquelas cuestións que lles afectan directamente.

A Lei incluía aspectos como a división das cidades en distritos, nos que se conformaría unha especie de órgano de goberno con representación veciñal e política co obxectivo da participación e da proximidade cos/as administrados/as. Non se fixo, creo que nin sequera se intentou en ningunha cidade galega. Indico tamén que é esta unha disposición da Lei que sería de ampla discusión dependendo das características da cidade en cuestión: número de habitantes, extensión, etc. Véxanse as diferencias que pode haber na súa aplicación entre Lugo e Vigo.

Tampouco houbo unha exhaustiva renovación e aplicación de regulamentos de participación cidadá, nin se cumpriu que houbese representación veciñal nos Consellos Económicos e Sociais que a lei prevé. Constituíronse eses Consellos nos concellos pero só, en termos xerais, con representantes de colectivos e entidades con outra representación alén da puramente veciñal: entidades financeiras, empresariais, comerciais, sindicais. O tecido asociativo veciñal non.

Constituíronse, por que así o marcaba a Lei, acertadas Comisións de Suxestións e Reclamacións, onde ao goberno correspondente non lle queda máis remedio que dar conta do que a cidadanía do seu concello lle reclama ou pide. Nesas comisións está o goberno e os grupos municipais representados, pero non me consta ningún concello que aplicase a lei de xeito estricto, ou sexa dando cabida nesa comisión a representantes veciñais.

En definitiva, moita teoría e escasa práctica no que atinxe á participación cidadá. Para isto, non é preciso unha lei, é necesaria vontade política. Só coa lei está, demostrado que non se avanzou na democracia participativa.

Outros moitos aspectos da Lei merecerían comentarios críticos tamén, sirva de exemplo ese obrigado Debate do Estado do Concello a realizar anualmente; moi pouco útil se se ten en conta que os plenos municipais mensuais, deben ser o momento idóneo para ir seguindo día a día o ?estado do concello?.

Último dato importante, esta Lei non trouxo aparellada ningún financiamento a maiores para os concellos galegos, que é o que verdadeiramente precisan para atender aos/ás veciños/as.

En definitiva, esta Lei das Grandes Cidades non supuxo ningunha mellora exponencial na vida ordinaria dos habitantes das mesmas. Si produciu decisións políticas máis custosas, non enfocadas á participación e si a reducir democracia.

En definitiva, a Lei de Grandes Cidades tiña como pretensión crear cidades-estado, cambiando parámetros políticos de xeito pretensioso, elitista, exacerbando o localismo, reducindo democracia e aumentando gastos.

Todo isto, tiña outro significado político: restar atribucións competenciais ás Comunidades Autónomas. Tratábase dun proceso de transferencia de funcións, en detrimento dos gobernos autonómicos invadindo as súas competencias e restando a súa representatividade e responsabilidade política.

En conclusión: as cidades galegas poden ser grandes se os seus habitantes e os políticos elixidos por eles así o queren, pero para iso non é necesaria unha Lei que só por levar un ?rimbombante? nome non fai mellor un goberno. Unha lei non fai bo un goberno se este non o é. E esta foi unha ?burbulla? máis das moitas que se crearon cargadas de inxustizas sociais, de elitismo e desapego pola soberanía popular.

Velaí que crea que neste intre de propostas de cambios na arquitectura, na organización municipal, en vez dos proxectos totalmente involucionistas que se apuntan, mellor será comezar por derrogar xa esa Lei de Grandes Cidades que, realmente, creou máis problemas que solucionou.