Explica que debería haber máis iniciativas deste tipo porque a crise non debe impedir aos nenos disfrutar destas festas
19 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.A cantante e violoncellista Rosa Cedrón (Monforte de Lemos, 1972) non para. Á súa recente maternidade e á preparación do que será o seu segundo disco en solitario suma agora a súa colaboración co proxecto solidario Cantos de Nadal, unha iniciativa impulsada polo músico e xerente de Sons Galiza, Eloi Caldeiro, en colaboración con La Voz de Galicia e a Deputación de Lugo.
Coa venda deste cedé -por 4,95 euros nos quioscos da provincia ata o día 26- mercaranse xoguetes educativos en tendas e centros comerciais de Lugo para nenos de familias en apuros. Neste traballo participan desinteresadamente artistas como Anxo Lorenzo, Susana Seivane ou Rosa Cedrón.
-¿Que lle pareceu a idea deste proxecto?
-A idea de Cantos de Nadal é estupenda e moi necesaria nestes tempos que corren. Non é xusto que paguen os nenos por esta crise, porque eles son os que menos culpa teñen. Estas son datas para que disfruten e vivan a ledicia do Nadal. Debería haber máis iniciativas coma esta.
-¿Como foi a experiencia da gravación?
-Moi boa, estupenda, a min gústame cantar, e se ademais é por este motivo é aínda máis bonito.
-¿Que tipo de temas se poden atopar no disco?
-Son cancións de Nadal moi diferentes, con un tratamento máis novidoso e máis persoal, melodías que invitan a ser feliz. No meu caso, participo no primeiro tema.
-¿Que pode aportar a música en tempos de crise?
-En tempos de moito desánimo, coma o que estamos vivindo, a música dá certa felicidade, evasión, alimenta as hormonas da felicidade...
-¿Como vai a gravación do seu segundo disco en solitario despois do traballo «Entre dous mares»?
-Tiven moitas paradas, a última cando tiven a nena, pero agora vai bastante avanzado, estamos cos arranxos, coas letras, para empezar a gravación. Pero dar unha data de saída sería moi difícil.
-¿Haberá sorpresas? ¿Que temas se atoparán neste novo disco?
-En principio non vai haber versións, serán todas cancións propias. A xente atoparase á Rosiña Cedrón de sempre, pero cambiada; coa miña esencia, pero coa vestimenta distinta. Non podo adiantar máis.
Rosa Cedrón unha das voces do disco benéfico