O pasado 19 de abril remataba o prazo de presentación de solicitudes para a regularización de naves e vivendas sen licenza que foran construídas antes do 1 de xaneiro do ano 2003 (data na que entrou en vigor a actual Lei de Ordenación Urbanística de Galicia -Louga-). Tratouse dun proceso que tramitaron os propios concellos a instancias dos particulares interesados en darlle recoñecemento ás súas edificacións.
Segundo datos da Secretaría Xeral de Urbanismo, no período de dous anos habilitado, en Galicia presentáronse un total de 6.295 solicitudes, das que o 71% (4.455 solicitudes) corresponderon a edificacións de usos residenciais e o 29% restante (1.840) estaban relacionadas con outros usos que implican actividade económica.
Cun total de 2.322 solicitudes presentadas, a de Lugo foi a provincia galega que máis peticións rexistrou. Dese total, 1.877 corresponderon a usos residenciais e 445 a usos industrias ou comerciais. Por detrás situouse Pontevedra, con 1905 (1014 vivendas e 893 naves); A Coruña, con 1.240 (892 vivendas e 348 naves) e Ourense, con 827 (672 vivendas e 155 naves).
Outeiro, A Estrada e Lugo
Por concellos, tanto na provincia lucense coma no conxunto de Galicia, destaca o caso de Outeiro de Rei, con 420 solicitudes (381 de vivendas e 39 de naves industriais). Polas cifras acadadas son significativos tamén os casos de A Estrada, e Lugo capital, con 263 solicitudes (173 de vivendas e 90 para naves comerciais). Das 445 solicitudes presentadas na provincia de Lugo e referidas a usos comerciais, hai que salientar os casos de Sarria, con 46, e Alfoz, con 36 solicitudes.
O noventa por cento dos concellos galegos (284 en total) presentaron solicitudes para a regularización de construcións. Do total de municipios, 184 referíanse tanto a usos residenciais como aos relacionados coa actividade económica e o resto presentaron solicitudes dun só uso.
Todas estas solicitudes enmarcáronse na disposición transitoria terceira da Lei 2/2010, de modificación da Louga, que se centrou na situación urbanística das edificacións realizadas sen licenza ou sen autorización autonómica, existentes con anterioridade á mencionada data de 1 de xaneiro de 2003. En calquera caso, o recoñecemento patrimonial non supón en absoluto unha legalización do construído, senón a mera aceptación dunha situación de feito, ou o que é o mesmo, unha declaración de fóra de ordenación. O que si supón é que unha vez regularizadas, estas construcións quedarán suxeitas ao réxime correspondente e pasarán a aboar o imposto de bens inmobles (IBI), no caso das vivendas, e o imposto de actividades económicas (IAE), no caso das naves.
Incorporalas ao patrimonio
Nestas construcións permítense soamente as obras necesarias para a conservación da edificación, así como para o mantemento dunha actividade económica sempre que se acredite unha preexistencia continuada dende a orixe da edificación. Polo tanto, existe unha total prohibición de obras de consolidación ou de ampliación. A novidade que se introduciu na modificación da Lei do Solo, a través da disposición transitoria sinalada, refírese a que as edificacións que reúnan os requisitos sinalados poderán inscribirse ao nome do seu titular para que poidan incorporarse ao seu patrimonio co obxectivo de evitar graves quebrantos económicos, cando se presentase ante o Concello correspondente a solicitude de declaración ata o 19 de abril de 2012.