Non chores, Sabeliña

Xulio Xiz

LUGO CIUDAD

16 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Corría 1992, e Trapero Pardo tiña noventa e dous anos, un prestixio total e un señorío acreditado. E no Orfeón Lucense quixemos renderlle homenaxe estreando a súa zarzuela Non chores, Sabeliña, para o que contamos coa inestimable axuda da Banda Municipal de Lugo e o grupo de teatro Achádego.

O acontecemento foi no auditorio Gustavo Freire, que leva o nome do autor da música desta zarzuela, á que Trapero fixo chairega e popular. E aquel magnífico escritor e amigo gozou coa volta á vida da súa creación, na que Noemi Mazoy e Moncho García Otero desempeñaban os primeiros papeis como excelentes actores e cantantes.

Non chores, Sabeliña vén ser o consello do autor experimentado a unha rapaza nova que sofre temporal mal de amores, sabendo que ao remate todo se aclarará e Sabeliña e o seu namorado comprobarán que o amor verdadeiro triunfa sobre todas as dificultades.

Á miña familia chegou hai unha semana Sabela, que resulta ser a quinta na liña sucesoria -segundo escalafón-, aplicando unha Lei Sálica que as mulleres da casa se encargan de facer valer, que os dereitos dinásticos camiñan cara a unha igualdade que ninguén que viva no mundo pode rexeitar. A nena é das máis pacíficas da tribo, e é ben difícil escoitala chorar.

Ata agora non tiven a oportunidade de pedirlle Non chores, Sabeliña. Pero algún día podereino facer. E estou seguro que, onde estea, Trapero dará á cabeza dubidando do meu bo siso por mesturar a súa obra coas cousas domésticas dun avó que por veces pode parecer que chochea.